A Fundación Carlos Casares, dentro do marco de actividades desenvolvidas no programa “O teu Xacobeo”, da Xunta de Galicia, e grazas á colaboración do Concello de Xinzo de Limia e mais a Fundación Penzol, inaugurou hoxe mércores 7 de outubro a exposición “Galicia escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela. A inauguración tivo lugar na Casa da Cultura e da Xuventude do Concello de Xinzo de Limia. No acto estiveron presentes o presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares Mouriño; o secretario da mesma e comisario da exposición, Gustavo Adolfo Garrido; a alcaldesa do concello, Elvira Lama; e o concelleiro de Cultura e Mocidade, Ramiro Rodríguez. A exposición, con textos en galego, castelán e inglés permanecerá aberta entre o 7 e o 21 de outubro en días de semana e horario de apertura das instalacións, e está destinada a todos os públicos.

 

A EXPOSICIÓN

O eixe central da mostra é a relación dos Países Escandinavos: Suecia, Noruega, Dinamarca, e os seus antigos territorios (Islandia, Illas Feroé e Orcadas), con Galicia a través Camiño de Santiago. Explica a historia e o desenvolvemento das rutas xacobeas que cara a Compostela e amosa os fitos senlleiros do seu devir, dos puntos emblemáticos da súa xeografía, urdime de pasado e presente, e do seu patrimonio material e inmaterial. Tamén quere render unha sentida homenaxe á vida e obra dos hispanistas nórdicos que alumearon o universo xacobeo e a forxa da unidade cultural europea. A exposición bota as súas raíces nos traballos do medievalista Vicente Almazán (1924-2006), e no seu amor por Galicia.