O premio, dotado con 10.000€, e convocado por primeira vez en 2020 pola Fundación Carlos Casares e a Deputación de Ourense, busca recoñecer o talento emerxente e activo, e colaborar no seu desenvolvemento dentro dun proxecto vital interesante e prometedor. Non se esixe nada a cambio, porque é unha aposta de futuro baseada nos méritos do presente.

Pode ser nomeada como candidata calquera persoa natural ou residente na Comunidade Autónoma de Galicia, menor de 36 anos, que teña demostrado o seu talento previamente nalgunha das áreas de coñecemento, ben cun traballo publicado ou inédito, ben coa realización dunha obra ou iniciativa orixinal, que estea rematada ou en marcha.

Tendo en conta a misión da Fundación Carlos Casares, os valores que a alimentan e os obxectivos fundacionais, que procuran a normalización de Galicia, especialmente da súa lingua e a súa cultura, o xurado considerará, sen exclusión, todas as candidaturas entregadas en prazo e forma cuxos temas se enmarquen nas seguintes áreas de coñecemento:

  • Área das Artes e Humanidades, en especial os campos da Filoloxía, da Historia, da Arqueoloxía; as Artes escénicas (teatro, música, danza…) e as Artes visuais e audiovisuais (cine, fotografía, videoxogos…), sen esquecer o deseño gráfico ou o deseño de moda, entre outros.
  • Área das Ciencias Sociais e Xurídicas: a Economía, a Educación, o Dereito, a Comunicación, a Socioloxía, as Ciencias Políticas, Estatística, etc.
  • Área das Ciencias Naturais e Biomédicas: a Medicina, a Ecoloxía, a Agronomía…
  •  Área da Arquitectura e a Enxeñería: Urbanismo, Telecomunicacións, Informática… E, por suposto, a calquera campo da Tecnoloxía, que contribúe en gran medida ao avance das demais áreas.

O prazo de recepción de candidaturas será dende o día de hoxe ata o día 15 outubro de 2021 ás 23.59 horas.

Enlace: Bases do Premio e formulario oficial.