Dentro das actividades da III Semana Carlos Casares en Xinzo de Limia, o pasado día 25 de maio tivo lugar lo IES Lagoa de Antela un faladoiro do gañador do Premio Carlos Casares-Kirstina Berg ao talento activo, Cristian Fojón Caruncho, e unha exposición sobre deseño de cubertas do escritor ourensán.

FALADOIRO SOBRE BANDA DESEÑADA. POR CRISTIAN FOJÓN CARUNCHO, PREMIO CARLOS CASARES – KRISTINA BERG 2020
Ás 13 horas, o debuxante Cristian Fojón Caruncho (A Coruña, 1997), falou ante 30 alumnos do IES Lagoa de Antela, sobre o proceso de confección dunha obra ilustrada, dende o guión, os bosquexos, o entintado, a edición e mais a distribución das obras. A pesar da súa xuventude o debuxante atesoura unha ampla experiencia, acumulada dende os seus inicios no eido dos fanzines ata a publicación de obra propia ou en colaboración, ademais da incursión noutros xéneros como o videoclip ou a cartelería.
Previo ao faladoiro, o debuxante departiu coa alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, e mais o concelleiro de Cultura e Participación cidadá, Ramiro Rodríguez.
Cristian Fojón relatou ao alumnado as orixes da súa vocación como debuxante e ilustrador, así como as fontes de inspiración das historias que desenvolve nas súas obras, baseadas, maiormente, en experiencias familiares e da aldea de Vidueiros, onde vive, no concello de Ortigueira (A Coruña).

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN “AS CARAS DOS LIBROS. O DESEÑO DE CUBERTAS NA OBRA DE CARLOS CASARES” NO IES LAGOA DE ANTELA.
Previamente ao faladoiro quedou inaugurada unha pequena exposición modular que repasa a obra de Carlos Casares a través dun centenar de cubertas dos seus libros. O contido informativo fai referencia á ilustración, o deseño, as traducións e unha sección especial na que se detallan as partes que conforman un libro.
Na inauguración estiveron presentes a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama; o concelleiro de cultura Ramiro Rodríguez, acompañados polo director do IES, Manuel Grande, e mais Ana Martínez, Xefa de Estudos.
A exposición está pensada para que o alumnado poda traballar aspectos como o deseño, a tradución, a maquetación, etc., a partir dunhas guías didácticas deseñadas para ampliar os seus coñecementos.