O día 11 de outubro quedou aberta a exposición “Galicia escandinava. O Camiño do oeste a Santiago de Compostela”, na biblioteca de Humanidades da Universidade de Oslo (HumSam-Biblioteket, UBO-UiO), onde se poderá visitar ata o día 9 de novembro. Chega despois da súa itinerancia no Instituto Cervantes de Estocolmo (Suecia), onde estivo exposta durante o mes de setembro.

En Oslo a exposición vai enriquecida con 4 vitrinas con libros, obxectos e imaxes de temática xacobea norueguesa, dos fondos da biblioteca. Indicativos xacobeos conducen o visitante a través do espazo expositivo ata unha sala no piso inferior onde se levan a cabo actividades e actos culturais.

A sección web sobre a exposición permite acceder ao contido das vitrinas. O artífice desta exposición en Oslo é o Dr. José María Izquierdo, responsable da área de Literaturas románicas da biblioteca. Quedamos obrigados tamén con Alberto Gascón, director do Instituto Cervantes de Estocolmo, que impulsa a itinerancia; Cecilia Pereira, comisaria do Plan Xacobeo 21 e 22 e Nava Castro, directora de Turgalicia polo patrocinio da copia itinerante.