Entre os días 21 de outubro e 2 de novembro, o IES Chapela de Redondela acollerá a exposición “Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares”. Trátase dunha pequena mostra, formada por 7 paneis que tentan contextualizar o perfil humorístico de Carlos Casares dentro dunha temática tan fascinante como descoñecida do proceso que desencadena o humorismo e a comicidade.

Xa que logo, a exposición se divide en tres partes: a primeira trata de explicar o humor a partir da súa definición e características científicas esenciais (bioloxía, neuroloxía, sociedade, teorías sobre a súa finalidade…); a segunda trata de contextualizar a aparición no mundo do humor, así como de dar unha clase sobre o humor na literatura galega, dende a literatura popular ata os memes; e a terceira parte analiza a vida e a obra de Carlos Casares dende o humor, para pasar a desmitificar a figura do escritor mediante imaxes, fotografías e caricaturas aparecidas en prensa e durante as Letras Galegas de 2017.

Por outra banda, dentro desta actividade acollerá a charla de Siro López para un grupo de alumnos e alumnas do centro o vindeiro día 28 de outubro ás 13.20 horas. Por último, a Fundación Carlos Casares vén de maquetar unha guía completa da exposición que amplía contidos. Tamén se engaden citas de “A marxe” nos que o escritor ourensán deita algunhas reflexións sobre o feito do humor, tanto en persoas como en anécdotas.

ENLACE“Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares” (libro-guía dixital)