Na mañá do pasado xoves 28-O, Cristian F. Caruncho visitou o IES Chapela, de Redondela, para dar unha charla sobre o cómic e o seu oficio, falando, sobre todo, do proceso creativo que el segue, dos seus personaxes, os temas favoritos e as saídas da profesión.

Caruncho foi o gañador do I premio Carlos Casares-Kristina Berg ao Talento activo, convocado en 2020 e dotado con 10.000 €, pasando a ser, polo tanto, xurado do premio na edición deste ano.

A charla inscribiuse como actividade paralela no marco da exposición «Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares», que se exhibiu no centro ata o hoxe mesmo, día 2 de novembro, e que nos achega ás orixes do humor na raza humana e a evolución a través do tempos en distintas sociedades. Todo apoiado en textos, portadas de libros e caricaturas feitas a Carlos Casares polos mellores debuxantes de Galicia.

Agradecemos á dirección do IES, na persoa da profesora Iria Barros, e mais ao EDLG do centro, na persoa de Alba Sierra, por todas as facilidades que nos deron, e aos alumnos e alumnas a atención e interese prestados.