A Fundación Carlos Casares desenvolve, dende o ano 2021, o proxecto “Coordenadas”, un diálogo entre a literatura e as artes, coa intención de provocar sinerxías creativas accesibles a través de todos os sentidos. Nesta actividade danse cita escritores, músicos, actores e actrices, pintores e realizadores, galegos e foráneos, para mostrar a súa obra e cruzar experiencias.

En cada edición homenaxeamos, ademais, a escritores e escritoras que moldearon o panorama literario galego das últimas décadas. E facémolo mediante unha peza audiovisual, encargada a un realizador novo, quen desenvolve un videoensaio. Nestas dúas edicións que levamos, escollemos a Bieito Iglesias para 2021, e mais a Helena Villar Janeiro para 2022. A encomiable traxectoria de ambos os dous escritores, impulsada por un amor profundo á cultura e á lingua de Galicia, mais tamén reflexo dunha xenerosidade e unha tolerancia extraordinarias, xustificaron sobradamente os nosos esforzos.

Os responsables da visión sincera e fresca que destila ambas pezas corresponde ao ourensán Ricardo Araújo, produtor e director, e mais a Laura Guizán, no seu labor de realizadora, que codirixiu a peza de 2022.

Podedes ver aquí os dous videoensaios, así como na nosa canle de Youtube ou tamén na sección do proxecto “Coordenadas” deste mesmo sitio web:

Videoensaio “Bieito Iglesias. Unha vida en palabras” (2021)

Videoensaio “Helena Villar Janeiro. Toda unha vida” (2022)