ÁREA DE LINGUA, CULTURA E SOCIEDADE

En correspondencia cos obxectivos estatutarios da Fundación Carlos Casares de promoción da lingua propia de Galicia, a institución creou unha área de traballo baixo o nome “Lingua, cultura e sociedade”. Baixo esta área desenvolvéronse diversas actividades de análise, promoción e difusión da lingua galega nun contexto local e global. Salientamos as seguintes iniciativas:

 

Seminario Permanente “Lingua e Sociedade” (SPLS)

O Seminario Permanente ‘Lingua e Sociedade’ (SPLS) naceu coa intención de abrir canles de comunicación entre especialistas en lingüística e o xeral da sociedade galega, establecendo unha plataforma de diálogo e reflexión arredor destes temas, de xeito que non fiquen unicamente nos ámbitos académicos onde se realiza a meirande parte do seu estudo. Con esta finalidade, o SPLS tenta propiciar a creación dun foro de diálogo sobre o conxunto de temas vencellados coa historia das linguas e as súas actuais dinámicas, afondando en concreto no caso do galego, coa intención de achegar ao conxunto da sociedade reflexións, ideas e propostas concretas.

Por este motivo, o SPLS quere insistir na necesidade dunha análise e discusión permanente sobre o presente e o futuro da lingua galega, establecendo para este debate un fondo intelectual afastado de estratexias partidistas ou da procura solucións inmediatas a problemáticas aínda non ben esclarecidas.
Con estas premisas, o SPLS márcase como obxectivo primeiro a organización de diversas actividades encamiñadas ao desenvolvemento de temas concretos, por parte de recoñecidos especialistas, ao redor da lingua galega e da situación lingüística de Galicia, así como a súa relación con outras realidades, que logo atopen difusión alén dos grupos de estudosos.

 

Seminario Permanente de Animación á Lectura (SPAL)

A Fundación Carlos Casares puxo en marcha na súa sede viguesa o Seminario Permanente de Animación á Lectura, dirixido fundamentalmente a educadores, bibliotecarios e outros sectores profesionais relacionados co hábito lector. Con esta iniciativa preténdese establecer un lugar de encontro para o intercambio de experiencias e a promoción de actividades encamiñadas a estimular a lectura, tanto no ámbito do ensino coma na sociedade en xeral, a través da creación de equipos de traballo, a organización de cursos e actividades de formación e a posta en marcha de actividades diversas de animación á lectura.

Os principais obxectivos cos que naceu o Seminario Permanente de Animación á Lectura foron:

  • Servir de plataforma de recollida, intercambio e aplicación de experiencias de promoción da lectura.
  • Organizar cursos e actividades de formación para o profesorado de todos os niveis do ciclo educativo e bibliotecarios.
  • Traballar na planificación de experiencias conxuntas e na estruturación de grupos de traballo.
  • Converterse nun axente multiplicador; medrar de curso en curso tanto en participantes coma en experiencias postas en práctica, de xeito que o esforzo conduza a un meirande número de lectores.
  • Implicar a todos os sectores sociais –familia, ensinantes, nenos e mozos– nas actividades do Seminario.

 

Seminario de Apoio a Centros de Galego no Estranxeiro (SACELGA)

Creado en 2007, o obxectivo deste seminario é o de fornecer material documental de apoio e tamén bibliográfico sobre Carlos Casares e o seu tempo. É material editado en galego que serviu para acrecentar o número de referencias bibliográficas na nosa lingua nas universidades de fóra de Galicia e de España. Dar asistencia e apoio aos lectorados de galego no estranxeiro é unha excelente forma de prestixiar a lingua e a cultura galegas no exterior, coa posibilidade de xerar interese no alumnado estranxeiro.

Entre outros, a Fundación ten dotado de material a lectorados de Bangor (Gales), Oxford (Inglaterra), Nebraska (Estados Unidos), Kiel (Alemaña), Santiago de Chile (Chile), no País Vasco (Álava e Bilbao), Alacante, etc. Froito destes contactos realizáronse actividades paralelas, como conferencias e recitais poéticos.