Exposición “AS CARAS DOS LIBROS”

INTRODUCIÓN

Esta é unha viaxe de descuberta polo deseño dun obxecto cotián que, xa dende a súa cara exterior, agocha unha serie de segredos e curiosidades apaixonantes. Convidámosvos a seguir con nós un percorrido a través do deseño das cubertas do libro galego na moi variada obra literaria de Carlos Casares.

A EXPOSICIÓN

“As caras dos libros” reúne e amosa unha ampla e significativa selección de cubertas das obras de Carlos Casares. Utilizando o marco temporal de 50 anos entre a publicación de Vento ferido (1967) e o día das Letras Galegas de 2017, que foi dedicado ao escritor, a Fundación Carlos Casares achega máis dun centenar de cubertas das súas obras. Unha grande parte son da editorial Galaxia, polo que se pode facer un seguimento da historia do deseño desa editorial, pero a profífica obra e as traducións da obra que tivo Casares fai que esta teña múltiples visións e deseños. Proporciónase tamén un chisco de información sobre a imaxe da cuberta das obras, a autoría do deseño da mesma, e algún dato como editorial, ano ou a persoa que fixo a tradución. Por último, a exposición dispón dun panel que sinala as diferentes partes que conforman o libro como obxecto cultural de precisión. Se cadra máis complexo do que, á simple vista, poida parecer.

INFORMACIÓN E DOCUMENTACIÓN ADICIONAL

> Folleto da exposición.
> Guía didáctica da exposición, pensada para traballar con ela na exposición, pero que pode perfectamente usarse nos propios centros escolares. Establece unha serie de preguntas concretas sobre o deseño da obra de Carlos Casares, aínda que adaptable ás posibilidades de cada centro por se se quixera realizar de forma autónoma. Agradecemos que se deixe calquera suxestión ou idea que sirva para mellorar a guía didáctica nos correos da fundación.
> Acceso ao artigo "As caras dos libros. O deseño de cubertas na obra de Carlos Casares", publicado no número 40 da revista Raigame (2017) e tamén no libro Carlos Casares (1941-2002). O legado dun escritor, publicado pola Deputación Provincial de Ourense tamén en 2017.

HISTORIA DO DESEÑO DUNHA CUBERTA

O deseño da cuberta dun libro establece un primeiro diálogo entre o escritor ou escritora e o lector ou lectora a través da linguaxe plástica, combinando a composición textual e tipográfica, a imaxe, as cores e a mensaxe simbólica que presenta o título. Os artistas e profesionais que se ocupan do deseño e ilustración dos libros convértense, xa que logo, en provedores de contidos visuais, centrando na cuberta un reclamo cuxa función sedutora resulta de moita importancia, pois soporta o peso publicitario, así como da identidade da obra que se achega.

Durante moito tempo, a cuberta do libro só tiña a función de protexer o libro. En certas épocas utilizáronse para darlle máis valor á obra, con luxosas encadernacións a medio camiño entre ourivería e alta costura. No século XIX, coa popularización e maior accesibilidade do libro, e coa aparición dos servizos de produción, o libro comeza a democratizarse, pasando de ser un produto artesanal a un industrial. Tamén neste século a tecnoloxía de impresión  de imaxe (como a litografía multicolor), e o abaratamento dos sistemas de encadernación fixeron posible a aparición da industria editorial. Utilizáronse nese momento as técnicas propias de ilustradores e deseñadores dos carteis da época para ilustrar os primeiros libros. Dende ese momento adquiren a función de promocionar o contido interior, a obra.

O inicio do século XX marca un punto de inflexión na madurez do deseño de cubertas coa introdución paulatina das distintas correntes estéticas na industria editorial, especialmente a europea e a latinoamericana. Ao longo das décadas, as cubertas cambian, multiplican os seus estilos, vólvense máis complexas ou máis discretas adaptándose ás necesidades dun mercado cada vez máis esixente, definen distintos xéneros co seu deseño, etc.

No caso de Galicia, o primeiro libro aparece coa introdución da imprenta é un libro relixioso: o misal auriense, en 1494. Haberá que agardar varios séculos para ver unha colección na que o deseño da cuberta cobra importancia: a Biblioteca Gallega dos Editores, con máis de medio centenar de volumes publicados a finais do século XIX. Salvo excepcións, ata a chegada da Segunda República, o deseño de cubertas en Galicia foi decimonónico e atrasado. A aparición dun xermolo de artistas nesta época comeza a revolucionar o panorama galego (Díaz Baliño, Ánxel Casal, Castelao...).

A guerra civil e os primeiros anos da ditadura franquista destrúen toda esa creatividade. No exilio, Luís Seoane mantén os motivos galegos nas súas obras gráficas, converténdose nun punto de referencia para a xeira de deseñadores galegos da década de 1970. Mentres, en Galicia, Carlos Maside convértese case no único fío condutor entre as xeracións vellas e as máis novas. Xunto con Xohán Ledo, converten a Galaxia en referente, sendo renovadores da imaxe gráfica en Galicia a partir da década de 1950 e 1960 (sen desbotar outros como Rafael Alonso ou Pedro Bofill).

Coa normalización da situación democrática tras o final da ditadura, xunto coa aparición de numerosas empresas editoriais galegas, a partir de finais da década de 1970 o deseño das cubertas vai actualizándose progresivamente á tradición gráfica internacional. Actualmente, a cuberta dos libros ten unha importancia estratéxica e capital á hora da venda de obras literarias, polo que está en constante renovación. Un mundo vibrante contido nun pequeno espazo.

CRÉDITOS E MÁIS INFORMACIÓN

Comisarios: Gustavo A. Garrido García e Miguel Valverde Juncal.
Documentación: Iria González Figueroa e Alba Reboreda.
Agradecementos: Editorial Galaxia, Fundación Penzol, Manuel Janeiro, Antonio García Teijeiro, David Otero, Amparo Solla, Pedro Ferriol, David Pintor, Siro López e a todas as persoas que fixeron posible esta exposición.
Deseño: Lara Bacelo, Miguel Valverde e UVigo.
Caricatura de Carlos Casares: Siro López Fernández (1980)