Exposición “AS CARAS DOS LIBROS”

INTRODUCIÓN

Esta é unha viaxe de descuberta polo deseño dun obxecto cotián que, xa dende a súa cara exterior, agocha unha serie de segredos e curiosidades apaixonantes. Convidámosvos a seguir con nós un percorrido a través do deseño das cubertas do libro galego en dous exemplos concretos e interesantes, como na colección de literatura infantil e xuvenil (LIX) “Árbore”, e tamén na moi variada obra literaria de Carlos Casares.

AS CARAS DOS LIBROS

O deseño da cuberta dun libro establece un primeiro diálogo entre o escritor ou escritora e o lector ou lectora a través da linguaxe plástica, combinando a composición textual e tipográfica, a imaxe, as cores e a mensaxe simbólica que presenta o título.

Os artistas e profesionais que se ocupan do deseño e ilustración dos libros convértense, xa que logo, en provedores de contidos visuais, centrando na cuberta un reclamo cuxa función sedutora resulta de moita importancia, pois soporta o peso publicitario, así como da identidade da obra que se achega.
“As caras dos libros” reúne e amosa unha ampla e significativa selección de cubertas das obras de Carlos Casares (Día das Letras Galegas 2017), xunto con outra da primeira década da colección Árbore de literatura infantil e xuvenil (LIX), promovida por Casares dende a editorial Galaxia en 1988, e codirixida por María Victoria Moreno (Día das Letras Galegas 2018), David Otero e Antonio García Teijeiro.

A Fundación Carlos Casares e a Universidade de Vigo queren homenaxear con esta mostra os profesionais que fixeron e fan realidade a literatura en lingua galega: escritores, editores, tradutores, deseñadores, ilustradores… E, por suposto, a todos os lectores e lectoras que manteñen viva a súa paixón por un obxecto cultural tan relevante como é o libro galego.

CONTIDO DA EXPOSICIÓN

A mostra conta con paneis informativos que desenvolven varios temas:

– O contexto histórico da literatura infantil e xuvenil en lingua galega, incluíndo tamén información do progreso de implantación do galego no ámbito escolar durante a década de 1980.
– O deseño e composición de cubertas, especialmente no caso da colección Árbore.
– A estrutura externa e interna do libro nas súas diversas partes, que nos axudará a contemplalo como un obxecto cotián cheo de pequenos segredos.
– Datos e curiosidades sobre as cubertas dos libros que chamarán a atención dos visitantes.

A exposición compleméntase cunha selección de obxectos e pezas utilizadas na concepción, deseño e venda destas obras, como son fotolitos, antigas fichas didácticas para o profesorado, correspondencia sobre o proceso de edición, noticias de xornais da época, rarezas editoriais, notas manuscritas, e unha selección dos libros da colección Árbore con información sobre os autores, ilustradores e tradutores, ademais doutras curiosidades, distribuídas en distintas mesas-vitrina.

GUÍA DIDÁCTICA

Esta guía está pensada para traballar con ela na exposición, pero pode perfectamente usarse nos propios centros escolares. Establece unha serie de preguntas concretas sobre o deseño da obra de Carlos Casares, aínda que adaptable ás posibilidades de cada centro por se se quixera realizar de forma autónoma. Agradecemos que se deixe calquera suxestión ou idea que sirva para mellorar a guía didáctica nos correos da fundación.

CRÉDITOS

Comisarios: Gustavo A. Garrido García e Miguel Valverde Juncal.
Documentación: Iria González Figueroa e Alba Reboreda.
Agradecementos: Editorial Galaxia, Fundación Penzol, Manuel Janeiro, Antonio García Teijeiro, David Otero, Amparo Solla, Pedro Ferriol, David Pintor, Siro López e a todas as persoas que fixeron posible esta exposición.
Deseño: Lara Bacelo, Miguel Valverde e UVigo.
Caricatura de Carlos Casares: Siro López Fernández (1980)