Cando:
16 Novembro, 2017 – 17 Novembro, 2017 todo o día
2017-11-16T00:00:00+01:00
2017-11-18T00:00:00+01:00
Onde:
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi
2º andar
Praza do Obradoiro (15705 - Santiago de Compostela)
Custo:
Gratis
Contacto:

Seguindo o ronsel das Xornadas sobre Carlos Casares en Ourense e Vigo, e como acto central do mes dedicado ao Simposio Carlos Casares, con remate na Real Academia Galega, do 21 ao 23 de novembro, nestes encontros tratarase o tema do Casares intelectual e institucional.

Unha ollada atenta á historia galega das últimas décadas do século XX revela que Carlos Casares foi moito máis ca un creador e, por esa razón, o Consello da Cultura Galega -institución que presidiu entre 1996 e 2002- quere poñer o foco na súa faceta pública coma escritor e coma intelectual. Neste encontro analízase o papel xogado por Casares no campo político-cultural da Transición e da nacente Galicia autonómica, así como a súa actividade como difusor das letras galegas no exterior e o seu firme compromiso co afortalamento dun sistema literario maduro, autónomo e de calidade.

Nas diferentes sesións contextualizaranse na historia das últimas décadas o seu labor político, a súa obra xornalística e o seu compromiso cun xornalismo independente ao servizo do público lector. Tamén se afondará, os días 16 e 17 de novembro, nas súas relacións amicais, institucionais e editoriais con outras literaturas e na importancia que para o Casares creador e editor tivo a tradución entendida non só como canle de exportación e importación de textos e senón tamén como ponte de comunicación intercultural.

Pode descargarse o programa NESTA LIGAZÓN