When:
4 Xuño, 2019 @ 10:30 AM – 9:00 PM
2019-06-04T10:30:00+02:00
2019-06-04T21:00:00+02:00
Where:
Salón de actos do MARCO de Vigo
Rúa do Príncipe
54
36202 Vigo
Cost:
Free
Contact:
Fundación Carlos Casares
986171941

Organizada pola Fundación Carlos Casares en colaboración co Museo do Videoxogo (MUVi) de Cangas, o MARCO de Vigo acollerá o día 4 de xuño a Xornada “Videoxogo, realidade aumentada e literatura. Unha mirada transversal”.

Trátase dun evento no que participarán algúns dos principais axentes do puxante e novidoso sector dos videoxogos en Galicia, así como outros profesionais relacionados co sector cultural literario e co do videoxogo. Pretende esta xornada evidenciar a enorme potencialidade existente na nosa comunidade, a fortaleza dunha cada vez máis importante industria cultural e creativa chea de posibilidades e futuro, pero con necesarios retos que salvar.

PROGRAMA DA XORNADA

O programa está composto por dúas mesas redondas, a presentación dun libro e a instalación interactiva “Videoxogos: un referente social”. A primeira mesa, ás 10.30h, acollerá unha representación dos principais actores da industria do videoxogo en Galicia, con Miguel Areán (CEO de Polygon-e Studios), Sergio Prieto (Gato Salvaje Studio), Rubén Romero (Editorial Fosfatina) e Luz Castro (deseñadora de videoxogos e profesora da USC que acode en representación da asociación Videoxogo.gal). Analizarase a situación e perspectivas do sector dentro do contexto galego.

A segunda mesa, ás 17.00h, contará coa presenza da coordinadora do equipo de media en Ledisson AIT, Estrela Páramos; o programador de videoxogos Nicolás Casal; o tradutor e localizador de videoxogos, e profesor da UVigo, Ramón Méndez; e a deseñadora de videoxogos e profesora da UVigo Beatriz Legerén. A mesa tratará diversos temas sociais transversais, dende o sector educativo, empresarial, literario, profesional…

Ás 19.30h Antonio J. Gil, profesor da USC e coeditor xunto con Pedro Javier Pardo do libro Adaptación 2.0. Estudios comparados sobre intermedialidad, presentará a obra e fará unha análise sobre as perspectivas transversais entre literatura, videoxogo e dispositivos tecnolóxicos de realidade aumentada ou realidade virtual.

Por último, durante a xornada, os asistentes poderán acceder á instalación expositiva interactiva “Videoxogos, un referente social”. Ideada por Jacobo e Galo Martínez, do Museo do Videoxogo de Cangas (MUVi), a mostra quere exemplificar a pertenza do videoxogo ao conxunto da sociedade e como reflexo da mesma, e polo tanto, como unha elemento cultural. E pretende facelo cunha breve sinopse da historia do videoxogo dende un punto de vista sociocultural, en base ao seu impacto colectivo. A tal fin, escolléronse varios fitos representativos de sistemas de entretemento co seu software correspondente: videoxogos e consolas que protagonizaron puntos de inflexión fundamentais para entender a industria cultural e creativa do videoxogo. A mostra presentarase ás 12.30 horas mediante un faladoiro dos representantes do MUVi.

Enlace: PROGRAMA XORNADA VIDEOXOGO E LITERATURA