Cando:
3 Xullo, 2018 @ 12:00 AM – 6 Xullo, 2018 @ 2:30 PM
2018-07-03T00:00:00+02:00
2018-07-06T14:30:00+02:00
Onde:
Auditorio Municipal Ilduara
Celanova
Custo:
50 €
Contacto:
Fundación Carlos Casares
986171941

Obxectivos.

A Fundación Carlos Casares, coa Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Celanova, a Deputación Provincial de Ourense, e coa colaboración do AGADIC, promove o XV Curso de Verán de Extensión Universitaria A narrativa audiovisual do presente: vieiros, formatos e pantallas, unha nova achega na liña temática iniciada hai quince anos co curso Cine e literatura. Casares e o cine, e que veñen reunindo no berce de Manuel Curros Enríquez a cualificados especialistas e profesionais do sector para disertar ao redor das súas diferentes disciplinas.

Na oferta histórica do CeMAC, nunha andaina frutífera que iniciamos en 2004, e xa consolidado como foro audiovisual de referencia en Galicia, pretendemos analizar a creación audiovisual en todas as súas variantes, soportes e formatos, substanciada nunha obra ou nun produto destinado a ser gozado e consumido polos receptores. Polo tanto, é obra colectiva, unha suma de vontades ben coordinadas. Suma de vontades e suma de talentos.

O CeMAC2018 céntrase en coñecer e analizar as singularidades da ficción seriada, a súa historia, aparición, auxe e transformación. Analizarase tamén a posibilidade de existencia dun cambio de tendencia ou posible burbulla da ficción seriada e as dinámicas actuais das empresas que xeran estes contidos (Movistar, Netflix, etc.) das mans destes provedores de contidos. Por outra parte discutirase sobre a situación das series actuais para discernir as claves da narrativa audiovisual do presente, os distintos formatos que se manexan, as súas debilidades e fortalezas e o futuro que agarda a este tipo de formatos segundo a nova configuración de consumidores.

O Curso está dirixido preferentemente á comunidade universitaria, con afán formativo e divulgativo, pero, ao mesmo tempo, ábrese aos demais circuítos académicos e a todos os cidadáns motivados polo sector audiovisual.

Ao abeiro deste curso desenvolverase, por noveno ano consecutivo, o Taller Audiovisual “Celanova, plató de ficción”, baixo a dirección de Paulino Pérez Feijoo. Esta experiencia, eminentemente práctica, está dirixida ao alumnado de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e ten como obxectivo a produción dunha peza audiovisual nun tempo determinado e cun orzamento pechado.

Inscricións.

As persoas farán unha pre-inscrición a través da web de Cursos de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo.

Outra información importante.

As persoas empadroadas no Concello de Celanova ou os Amigos da Fundación Carlos Casares terán unha redución do 35% na taxa de inscrición. Para que se lle aplique este desconto, estas persoas deberán solicitar a acreditación.

Recoñececemento de créditos.

Ao remate do curso de extensión entregarase un diploma acreditativo (asistencia obligatoria ao 85% das horas) con recoñecemento de 1 crédito ECTS para as ensinanzas de grao por cada 30 horas. O alumnado solicitará o recoñecemento de créditos no centro onde se imparta a titulación na que pretenda validar esas horas, presentando o certificado/diploma de aproveitamento da actividade.

Transporte gratuíto. Para poder usar o transporte gratuíto, e para resolver dúbidas, cómpre facer unha reserva de praza no seguinte correo electrónico: fundacioncarloscasares@gmail.com. A reserva de transporte tamén inclúe, de forma automática, a reserva de aloxamento gratuíto. Saírá un autobús que percorrerá os tres campus da Universidade de Vigo o día martes 3 dexullo. O percorrido dese bus será:

– 10.00h: Pontevedra. Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

– 10.30h: Vigo. Escola de Enxeñaría Industrial (Torrecedeira, 86).

– 11.30h: Ourense. Parada bus da rúa Mestre Vide (lado Escola de Idiomas).

– 12:00h: Celanova. Auditorio Municipal Ilduara de Celanova (AMIC).

O regreso terá lugar o día 6 de xullo aproximadamente ás 14 horas, con percorrido inverso (a hora pode sufrir pequenas variacións suxeitas ao desenvolvemento do Curso). As prazas son limitadas, polo que se asignarán por orde de reserva.

Aloxamento gratuíto.

O Concello de Celanova pon a disposición do alumnado do CeMAC 18 o albergue municipal para as noites do 3, 4 e 5 de xullo. O Concello ten regras propias para o correcto uso das instalacións do albergue que serán comunicadas no momento da chegada ao AMIC. A reserva de aloxamento, para os que non usen transporte, debe facerse mandando un correo a fundacioncarloscasares@gmail.com. As prazas son limitadas, polo que se asignarán por orde de reserva.