Colaboración na difusión da figura de Carlos Casares

A Fundación Carlos Casares leva realizando dende os seus inicios unha serie de actividades nas que se pretende dar a coñecer a figura de Carlos Casares e a súa achega á cultura galega e á literatura infantil e xuvenil, especialmente nos centros de ensino e colaborando con entidades culturais, grupos de persoas interesadas na promoción dalgún aspecto da figura do escritor ourensán. A seguir amosamos algunhas das actividades que desenvolve a nosa institución e outras nas que colaboramos.

1. EXPOSICIÓNS

Exposición mural "Os mundos de Carlos Casares"A Fundación Carlos Casares conta con catro exposicións principais: “Os mundos de Carlos Casares”, “O Principiño ao redor do mundo. A colección de Carlos Casares”, “Carlos Casares e a fotografía” e, por último “As caras dos libros. O deseño de portadas na obra de Carlos Casares”. Estas exposicións levan xa un longo percorrido por varias localizacións (centros sociais, museos, centros escolares…).
Enlace: Máis información sobre as nosas exposicións

 2. O XOGO DO PAPAPÍO

O Xogo do Papapío“O xogo do Papapío” é unha actividade dinámica para nenos de entre 6 e 12 anos co obxectivo de dar a coñecer a figura de Carlos Casares. No espazo de aproximadamente unha hora, un actor ou actriz que encarna a figura do Papapío, acompañado dunha monitora, vai ir dirixindo un xogo moi ameno onde a participación e mais a implicación de cada alumno será fundamental para un desenvolvemento final correcto e personalizado para cada alumno.
Tras explicarlles a idea xeral e ensinarlles un exemplo do cubo rematado de Carlos Casares. Sempre tendo en conta as idades e número dos participantes, xa que é norma indispensable para que o xogo se desenvolva adecuadamente e adaptándoo ao grao de dificultade do cubo ás aptitudes e coñecementos dos escolares.
Acto seguido, repártense caixas de cartón de 20 x 20 x 20 cms, o suficientemente grandes para poder traballar con amplitude e comodidade e para unha perfecta observación das distintas caras do cubo. O tamaño das caixas incentiva aos nenos e nenas xa que lles gusta levar a casa un obxecto vistoso e que realce o seu esforzo e traballo na aula. Repártense tamén cartulinas de distintas cores xa precortadas coa medida exacta, de tal xeito que só as teñan que pegar en cada unha das caras. Deberán seguir as indicacións do Papapío, dado que cada cara do cubo deberá ser da cor que marque este para unha mellor organización e visualización dos distintos aspectos. Unha vez pegada cada cartulina no lugar axeitado procederá o Papapío a narración da vida, obra e curiosidades de Carlos Casares.
Enlace: noticias relacionadas co Xogo do Papapío

3. PROXECTOS AUDIOVISUAIS E TEATRAIS

Imaxe da obra de teatro "Lela anda en bicicleta"O Proxecto Toromelos

“O Proxecto Toromelos” nace dunha colaboración entre a Fundación Carlos Casares e a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) que ten como finalidade a promoción da investigación, a innovación e a creación nos eidos da creación dramática e teatral para a infancia e a mocidade, co obxectivo tamén da promoción e posta en valor da lectura e da literatura dramática, así como do treatro para a infancia e a mocidade.

A primeira actividade levada a cabo foi un traballo baseado no conto de Carlos Casares Lolo anda en bicicleta, que ten nunha estrutura clásica de presentación, nó e desenlace, cun marcado carácter escénico centrado no traballo xestual dos actores. O propósito de ter escollido este conto de Carlos Casares é poñer en valor a capacidade da autoaprendizaxe e da superación das propias limitacións, reflectida na figura da protagonista, Lela. O espazo escénico do trasteiro é o lugar onde os obxectos cobran vida, e onde o imaxinario do protagonista dá pé á entrada en escena doutros posibles personaxes.

A obra, dirixida polo profesor de expresión corporal Ricardo Solveira, conta con 8 actores principais e dous suplentes, alumnos e alumnas de 1º e 2º de Interpretación da ESAD. Tamén colaboraron por parte desta institución a profesora de ortofonía Nuria Montero e o profesor de dramaturxia Roberto Pascual, ademais do egresado Francisco Núñez no deseño da iluminación. Todos eles estiveron apoiados por cinco alumnos e alumnas da ESAD que axudaron no proceso de creación de “Lela anda en bicicleta”. Conseguiuse tamén que a ESAD e a Escola de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela traballasen xuntos neste proxecto, cuxo alumnado traballou, baixo a supervisión da profesora Carmen Pastoriza, na elaboración do vestiario da obra de teatro.
Enlace: Noticias relacionadas co “Proxecto Toromelos”.
As laranxas máis laranxas de todas as laranxas

“As laranxas máis laranxas de todas as laranxas” do Centro Dramático Galego

Da man de José Caldas na dirección escénica e de Bernardo Martínez na dirección musical, “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas” é unha montaxe de 2004 da famosa obra de Casares. O equipo desta representación está formado por máis de vinte profesionais. Esta actividade conta co apoio e esforzo de Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego.

Enlace: Noticias relacionadas coa actividade do CDG.  /  Web da obra de teatro.
Obra audiovisual e guía didáctica de “Vento ferido”

cartel-v4-600x675Da man de Paulino Pérez Feijoo, profesor de Comunicación Audiovisual da UVigo, e no marco do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC), desenvólvese un taller chamado “Celanova: plató de ficción”. Durante o ano 2015 o taller adaptou algúns dos contos da obra de Carlos Casares Vento ferido, cun excelente labor de actualización de guión e un gran traballo actoral por parte dos estudantes da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia. Froito desta obra, ademais da mediametraxe que leva por título “Vento ferido”, tamén se aproveitou a ocasión para elaborar unha unidade didáctica dirixida a un nivel educativo de 2º Ciclo de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato.
Enlacespáxina web de “Vento ferido” 

 

4. RECURSOS DIDÁCTICOS DOUTRAS ENTIDADES

A Fundación Carlos Casares está en contacto con outras entidades, centros escolares e persoas interesadas na promoción e difusión da figura de Carlos Casares. Estamos interesados en recoller calquera proposta docente, audiovisual, guía didáctica, e calquera outra iniciativa cultural de carácter didáctico que permita cumprir ese fin para poder compartilo coa comunidade docente.
Enlace: Sección dedicadas aos recursos didácticos e docentes

 

5. OUTRAS ACTIVIDADES E COLABORACIÓNS

Faladoiro de escritores en Xinzo de Limia. No centro, a cadeira baleira de CasaresA Fundación Carlos Casares ten como principal obxectivo facilitar a colaboración e axuda a todas as persoas, entidades e centros sociais, culturais e educativos, no proceso de promoción e difusión da figura de Carlos Casares nas actividades que se pretendan desenvolver, poñendo todos os medios que están ao noso alcance. Entre estes podemos mencionar os seguintes:

  • Conferencias e faladoiros sobre a figura e a obra de Carlos Casares, desenvolvidos por familiares ou traballadores da nosa entidade en centros escolares, culturais, etc. Tamén a presenza en actos alleos nos que se nos solicite a participación ou colaboración.
  • Axuda con material gráfico, textual, audiovisual… relacionado con Carlos Casares, sempre atendendo ás leis de propiedade intectual.
  • Material de promoción e apoio relacionados con Carlos Casares, dentro das posibilidades coas que conta a nosa institución.