Escoita o texto en galego

O período das incursións viquingas na Galicia altomedieval (Gallaecia) abarcou de 844 a 1066, aproximadamente, con episodios puntuais ata finais do século XII. Foron catro as invasións especialmente destacables, polas forzas postas en xogo en ambos bandos, os danos causados e as referencias escritas que deixaron. Estas invasións ían encamiñadas exclusivamente a espoliar o territorio, recoller a maior cantidade posible de ouro, prata e obxectos valiosos, e facer prisioneiros para vender como escravos. Non buscaban terras para establecerse e crear colonias permanentes, como fixeron na terra dos Francos e nas illas británicas. Outra característica diferencial destas incursións, tanto nas costas galaicas cristiás como nas lusitanas musulmás, é que atoparon de inmediato unha forte resistencia.
Os viquingos eran crueis e desapiadados, usaban a estratexia do terror para obter vantaxe sobre o inimigo. Non respectaban igrexas nin mosteiros, nin a vida dos eclesiásticos, porque eran devotos infieis. Se cadra, o comportamento brutal e inmisericorde non difería do habitual noutros grupos cristiáns ou musulmáns, agás o trato aos lugares sagrados.

O PRIMEIRO CONTACTO  entre os viquingos e os galaicos ocorreu na primavera de 844. Desembarcaron en Faro Brigantium, preto de Clunia (A Coruña), onde os esperaba un exército ao mando de Ramiro I. Os viquingos perderon algunhas naves e parte do botín que traían do Cantábrico; volveron ao mar e continuaron cara ao sur. Ao chegar á ría de Arousa penetraron polo río Ulla ata Chantada, arrasando aldeas e atacando torres e fortalezas. Cando se retiraban, o exército de Ramiro I e os nobres da zona atacáronos no que hoxe é Camporramiro, obrigándoos a retirarse. A flota continuou cara a Lisboa.

A SEGUNDA INVASIÓN  foi en 858 e estaba liderada por Hastein e mais Bjorn Ragnarsson, un fillo de Ragnar Lodbrok. O obxectivo inmediato eran as riquezas que supuñan había en Santiago de Compostela, como novo centro de peregrinación cristián. Entraron pola ría de Arousa, subindo polo río Ulla ata Iria Flavia, que saquearon. Logo asediaron Compostela, que tivo que pagar un rescate para evitar o saqueo. No auxilio da vila acudiu o Conde Pedro cun exército cristián que os atacou, producíndolles suficientes baixas como para facelos embarcar e volver ao mar.

A TERCEIRA INVASIÓN  ocorreu en 968 e foi a máis violenta e destrutora de todas. Estaba liderada polo noruegués Gunrod (Gunderedo). Entraron de novo pola ría de Arousa, remontando o Ulla ata Iria, cos ollos postos en Compostela. Na batalla de Fornelos (Teo) venceron o exército do bispo Sisnando II, que morreu na batalla. Aínda que os normandos non conseguiron entrar en Compostela, permaneceron tres anos por Galicia adiante entregados ao saqueo e á destrución, que acadou Ourense, Tui e Braga.

A CUARTA INVASIÓN  Agrupa unha serie de ondadas de normandos de diversa procedencia que atacaron as costas de Galicia dende Ribadeo a Tui, Betanzos e a ría de Arousa, remontando o río Ulla cara a Iria e Compostela. A primeira ondada veu en 1014 e estivo liderada polo noruegués Olaf Haraldsson "O grande". A segunda ondada relaciónase con Ulf "O galego", conde danés que saqueou a ría de Arousa e a súa contorna, permanecendo en Galicia algún tempo a partir de 1028. A terceira ondada deuse nos tempos de Cresconio II, bispo de Iria e Santiago entre 1037 e 1066. As Torres de Oeste, en Catoira, xogaron un importante papel na contención das razzias viquingas, que foron devalando a medida que avanzaba a cristianización dos países escandinavos.

Escoita o texto

Mosteiro de Cálogo / Torre de Cálogo (Vilanova de Arousa, fronte á illa de Arousa).  Foi destruído polos viquingos durante a primeira invasión de 846 e reconstruído dous anos despois. A tradición di que fora fundado no século VII por Frutuoso de Braga, venerado como santo. Do mosteiro, que conservou intacta a igrexa ata mediados do século XIX, só chegou a nós a Torre das campás, seguramente usada como espadana e faro para alertar das incursións marítimas.

Ordoño I
Vista a desfeita de Iria Flavia e as perdas do bispado, o rei asturiano Ordoño I pediulle ao papa Nicolás I que autorizase o cambio da sede episcopal a Compostela. A Nicolás non lle gustaba a idea de mesturar no mesmo lugar a tumba dun apóstolo e un bispado, e resistíase. Concedeulle o cambio finalmente, pero coa condición de que Iria continuara sendo sede episcopal, aínda que o bispo e o cabido residisen en Compostela.
Hastein  foi un viquingo danés moi presente nas costas do reino franco e do Mediterráneo, onde acompañou a Bjorn Ragnarsson, fillo do rei Ragnar Lodbrok "calzóns peludos" e a raíña Aslaug.

Escoita o texto

Sisnando II de Iria.
Episcopius Sancti Iacobi, baculus et balista. Fillo dos condes de Présaras, debía ter unha boa formación militar, porque dende o bispado de Iria organizou a defensa contra os piratas sarracenos e viquingos. Puxo en marcha unha rede de vixilancia da costa, formada polas torres da Lanzada (O Grove) e San Sadurniño (Cambados), que restaurou; o miradoiro de Lobeira (András); o Facho de Donón (Cangas); e a torre campanario de San Cibrán de Cálogo (Vilanova de Arousa). Ademais, construíu un castelo no castro de Cedofeita (preto do mosteiro de San Salvador de Lérez) e mellorou as murallas de Compostela con novas torres e fosos.

Olaf Haraldsson / Santo Olaf (995-1030), Á morte de Sven I Oton, rei de Dinamarca, Inglaterra e Noruega, en 1014, Olaf reclamou o trono de Noruega como descendente de Harald I (850-933), sendo consagrado rei ao ano seguinte como Olaf II Haraldsson. Bautizárase en Rouen (Francia), así que rematou a conversión do reino iniciado por Olaf I Tyggvason. Perdeu o trono en 1028 e faleceu na batalla de Stiklestad tratando de recuperalo. Foi canonizado ao ano seguinte a instancias do bispo misioneiro inglés Grimkell.

Cresconio II. Era de orixe nobre e, polo que se sabe del, ambicioso e decidido. Denominábase Bispo en Sede Apostólica, o que lle valeu unha excomuñón de León XIV en 1048. Enfrontouse aos últimos ataques viquingos cun exército permanente ben adestrado, reforzou as murallas de Compostela e mandou construír as Torres de Catoira, que non chegou a ver rematadas. Algúns autores relaciónano coa campaña contra os viquingos de Ulf "o galego", pero sen probas que o avalen. A morte de Cresconio coincide cona batalla de Hastings, na que o duque Guillerme de Normandía venceu o rei anglosaxón Haroldo de Inglaterra, que marca a fin do Período Viquingo en Europa, segundo os estudosos. Os choques con nórdicos que se deron con posterioridade en Galicia foron esporádicos e nun contexto diferente aos das invasións anteriores.

Escoita o texto

Milagre do bispo San Gonzalo.
Ao decatarse os veciños da costa lucense da chegada dunha enorme frota normanda que se dirixía á ría Foz, avisaron ao bispo Gonzalo Froilaz, que colleu o seu báculo e alá marchou. Como apenas contaba cunha reducida forza armada para a defensa da catedral de San Martiño de Mondoñedo, organizou os habitantes nunha procesión cara ao monte hoxe coñecido como da Cruz do Agrelo. O bispo portaba unha gran cruz de madeira e, co peso, debía parar a cada pouco, aproveitando a pausa para pregarlle ao Señor. A cada oración do bispo afundía unha nave viquinga. Cando a procesión chegou ao cumio do monte apenas quedaban unhas poucas naves que o bispo deixou que marcharan salvas para que contasen o sucedido.
Aínda que non houbo un bispo Gonzalo Froilaz en San Martiño de Mondoñedo ata 1070, o pobo instaurou un culto local, respectado pola igrexa católica, que nunca canonizou o bispo. En 1577 edificouse unha capela, a ermida do bispo santo, e ata hoxe segue a celebrarse unha romaría no monte da Cruz de Agrelo, a Festa do Santo.

Ulf Galiciefarer, "O lobo galego", foi inmortalizado nunha saga e alcumado con ese curioso nome. Non está claro se veu a participar na campaña para botar os musulmáns de Compostela ou como mercenario de Rodrigo de Romariz para resolver un problema con mercenarios vascóns descontrolados. Unha escavación dirixida dende 2009 por Bjarne Henning Nielsen, conservador co Museo de Vesthimmerland, preto de Aars (Xutlandia), pode ter atopado a tumba de Ulf "o galego", cuxo bisneto foi Valdemar "o Grande", rei de Dinamarca entre 1157 a 1182.