Ao longo do Camiño da tropa, Haervejen, que baixa pola península de Xutlandia, e tamén na vía oriental que dende a Escania sueca atravesa as illas danesas de Selandia e Fionia, erguéronse numerosa igrexas e capelas dedicadas ao Apóstolo Santiago. En total, 24 no reino de Dinamarca. Algunhas existen aínda, máis o menos modificadas. De outras só resta a memoria, con frecuencia gravada na toponimia. Na vila de Skagen, na punta norte, houbo capela medieval e rúa de Santiago; como en  Viborg (1284). En Horsens queda o pórtico da igrexa (s. 1414); en  Varde (s. XIV) érguese aínda; en Genner (1474), Flensborg, Ülsby, Süderbrarup, Svabsted, Moldenit, e Slesvig (Schleswig, en alemán).

Da  igrexa de Santiago de Roskilde (1291) consérvase a nave. En 1808 foi hospital para as tropas españolas que combatían a Napoleón, polo que houbo que dotala dun cemiterio para os caídos.

A igrexa de Santiago de Ballerup é do século XIII, modificada no XIX, posiblemente a máis fermosa das dedicadas a Santiago en Dinamarca.

­­­­­

INSIGNIAS E SELOS DE PEREGRINO

As insignias e os selos de peregrino eran pequenos recordos que os peregrinos levaban con eles tras da súa visita ao santuario elixido. Tiñan como finalidade más inmediata ser mostrados aos demais como testemuña da súa condición de peregrino, por iso adoitaban levalos  prendidos no sombreiro. Pero estes recordos non eran só adornos, eran tamén obxectos portadores dunha grande carga simbólica. As imaxes,  ademais de evocar a idea de peregrinación, resaltaban os santuarios o lugares sagrados visitados polo peregrino, o cal proporcionáballe unha serie de beneficios, tanto físicos como espirituais.

A concha vieira popularizouse como símbolo de la peregrinación a mediados do século XII, na época do arcebispado de Xelmírez. Unha das súas primeiras representacións iconográficas está no relevo dos Peregrinos de Emaús do mosteiro de Silos. Nel aparece Xesús con un zurrón de correas decorado con vieiras de metal, do tipo que se describe no Códice Calixtino, fabricado polos concheiros composteláns, e que se podía comprar na praza do Obradoiro.

As insignias aparecen no século XII, no contexto das cruzadas, chegando á súa máxima difusión nos séculos XIII e XIV,  sendo substituídas no século XVI polas medallas relixiosas. Os selos, que tamén agromaran naquela época,  desapareceron no século XIV, paralelamente ao devalo das peregrinacións. O selo ou carimbo metálico dos peregrinos denomínase specullum.

Os peregrinos chegados a Santiago mercaban insignias, que podían ser conchas / vieiras naturais ou de estaño, cobre, chumbo ou prata, para adornar a esclavina e o sombreiro. En 1200 había en Compostela polo menos cen tendas que vendían insignias. e dende 1228 o Papa Gregorio IX prohibiu que se fabricasen fóra de Santiago.

­­­­­

AS VENERAS NOS PAÍSES ESCANDINAVOS

As primeira veneras xacobeas ou conchas de Santiago (Ibskallen, en sueco) que se ven en Dinamarca son xa dos séculos XII e XIII. Kurt Köster  estudou 180, das que 140 aparecen en tumbas. Lars Andersson inventariou 122 nos paises escandinavos. 112 están nos territorios do antigo reino  de Dinamarqués: Skania, Småland,Schleswig. As veneras xa tiñan uso e significado antes do inicio fenómeno xacobeo, pero foi o florecemento do culto ao apóstolo o que disparou o uso na iconografía cristiá.

OUTROS OBXECTOS XACOBEOS

Só en Dinamarca hai 32 pinturas murais con motivos xacobeos e/ou a figura do Apóstolo: nas igrexas de Stubbekøbing (illa de Falster), de 1275; houbo na igrexa de Ballum (Xutlandia sur), pero só queda o nome de Santiago; nas igrexas de Nørre Alser (Falster) e Hølby (1380), a 90 km de Copenhague; nas igrexas de Santa María de Elsinor; Vordingborg (Selandia sur); Lyngby (arrabaldo de Copenhague), e Vedslet (Xutlandia oriental).

Den helige Jakob

Desta canción danesa existen versións con diferentes variantes en Noruega, Suecia, na Finlandia de fala sueca e nas Illas Feroé. Das Feroé hai cinco versións diferentes que poden ser bailadas, sendo unha manifestación típica do seu folclore.

Santiago implora a axuda do Señor
para que o deixe viaxar.
«Quero cristianizar o país de Galicia».
Cando saíu, o bosque resplandecía.

«Como queres ti gañar cristiáns
se non tes barco no que ir?»
«Grande é a túa ignorancia.
Busca un barco no que ir.
Vai á beira do mar.
Aí verás unha gran pedra».

Santiago leva o seu libro na man,
E alí vai, á beira do mar.
Santiago planta unha cruz na pedra,
non tarda en navegar.