Escoita o texto en galego

RUTA MARITIMA
No século XV as confrarías de Santiago de Visby (illa de Gotland), Upsala e Estocolmo xa organizaban peregrinacións a Compostela. Como Estocolmo pertencía á Liga Hanseática, unha federación comercial e defensiva das cidades costeiras do Báltico e as que tiñan acceso fluvial a el, os peregrinos aproveitaban os barcos que ían a Lübeck e outros portos alemáns. Dende Lübeck os peregrinos podían continuar as rutas terrestres por Alemaña ou viaxar a Ribe ou Hamburgo para seguir a viaxe por mar. Tamén se fretaban barcos para ir directamente a Galicia.  O armador Diderik Pasche pediu unha axuda ao alcalde de Estocolmo en 1501 para levar peregrinos a Compostela.
En 1511 autorizouse a tres comerciantes de Nyköping (ao sur de Estocolmo), a traspasar a mercancía no porto de Hamburgo a buques “que vaian a Islandia ou ao País de Santiago”. En 1521, o sueco M. Leuhusen, de Estocolmo, iniciou a súa peregrinación tras recibir o permiso para ir a Compostela.

A RUTA ORIENTAL CARA XUTLANDIA A TRAVÉS DE SELANDIA E FIONIA
Os suecos que cruzaban o estreito de Kategat por Helsingborg / Helsingør, atravesaban a illa de Selandia por Nødebo, Hilerod, Allerød e Ballerup ata Roskilde. Pouco máis adiante, en Ringset, podían escoller: baixar a Næstred, Rødvyhavn e, por barco, a Lübeck. Ou dende Ringset a Slagelse, Korsør, pasar á illa de Fionia por Nyborg e seguir a Odense, Kolding e Vejen. Alí entroncaban co Hærvejen (Camiño da tropa).

 

ILLA DE VEN (estreito de Øresund)
É unha pequena illa na parte norte do estreito de Øresund, preto do porto de Landskrona. A primeira noticia escrita sobre a illa débese ao escritor islandés Snorri Sturlason (1179-1241), no contexto da orixe insular dun poeta da Corte do rei noruegués Harald Hærfager, chamado Thiodolfur de Hvein.

Pertenceu ao reino de Dinamarca ata 1660, cando pasou a Suecia. A igrexa de Santiago que está nun cumio, a modo de faro, ben visible dende o mar, é de principios de século XII, aínda que algunha parte dos alicerces poida ser do século XI. Sen dúbida, a igrexa ten algunha relación cos pescadores que faenaban nas inmediacións.

Escoita o texto en galego

PEREGRINOS

O primeiro peregrino sueco a Compostela foi un humilde crego que viaxou polo ano 1180. A seguinte noticia que se ten é de 1280, cando a viaxe de Ingrid de Skänninge, que visitou Santiago de camiño a Roma e Xerusalén. Da alta nobreza sueca, era neta do rei Canuto e logo fundou en Skänninge o primeiro convento da orde dominica, precursor e modelo do que fundaría Bríxida de Vadstena.  Venérase como Santa Ingrid Elofsdotter.

Santa Brixida de Vadstena (1303-1373).- Suma na súa persoa as calidades de peregrina e obxecto de peregrinación. Naceu en Finstad (Uppland), nunha familia da corte ligada ao goberno do país. Casou con Ulf Gudmarsson, senador e gobernador de Narke. Tivo oito fillos e peregrinou a Santiago en 1336 co seu marido. O seu pai xa peregrinara en 1321, como fixeran o seu avó e o bisavó tamén.

Non se coñece o itinerario da súa peregrinación, pero suponse que foi por terra, xa que hai constancia do seu paso por Colonia, Aquisgran, Tarascón e Marsella. Pode que de aquí a Galicia foran por terra tamén, porque visitaron Zaragoza. O máis probable é que logo seguiran o Camiño Francés.

Ao falecer o seu marido en 1344 cambiou de vida, entrando nun estado de ansiedade permanente que lle producía visións de todo tipo, revelacións, tentacións, dúbidas terribles e premonicións, que a moveron a intervir, dende a súa posición de influencia, na resolucións dos problemas que arrastraba a Cristiandade. En 1345 Bríxida fundou o mosteiro de Vadstena e mais a Orde do Santísimo Salvador.  Faleceu en Roma e os seus restos descansaron na Abadía de Vadstena ata que, como reliquias, os seus restos se repartiron por Europa.

P09_405px-Heliga_Birgitta_på_ett_altarskåp_i_Salems_kyrka_retouched
OLYMPUS DIGITAL CAMERA