Escoita o texto en galego

Dende o século VIII, moitos habitantes da ribeira escandinava dedicábanse ao saqueo, o roubo e a extorsión para  complementar o sustento. Organizaban campañas estacionais e caían sobre as costas veciñas atacando aldeas e vilas desprotexidas, levando consigo animais, comida e todo tipo de obxectos valiosos que puidesen vender. Despois de saquear as costas europeas entraron no mar mediterráneo, onde estableceron bases duradeiras. Os historiadores falan dun «período viquingo» que abarca do 800 ao 1050 e que se caracteriza por continuas invasións e colonizacións que influíron na política dos reinos invadidos. Malia non ser un pobo diferente do conxunto escandinavo, os viquingos chegaron a desenvolver riscos culturais propios, relativos á construción de barcos, armas e incluso obxectos artísticos. Ser un viking era unha maneira de vivir.

As Sagas son coleccións de relatos literarios sobre as aventuras dos reis e caudillos nórdicos. A pesar de non ser textos históricos, tratan de personaxes auténticos e de feitos que sucederon, e moitas veces teñen veracidade histórica. Unha delas é a Saga de Ragnar Lodbrok e os seus fillos. Ragnar "calzóns peludos" foi un rei viquingo, fillo dun caudillo sueco, e del cóntase que sitiou París no século IX. Heimskringla é unha colección de 16 sagas sobre os reis suecos e noruegueses, por iso se coñece como a Crónica dos reis nórdicos. Foi escrita polo poeta da corte Snorri Sturluson en 1225.

OS BARCOS

Os skaldas (poetas da corte) chamábano "cabalo mariño", "xabaril das ondas" ou "carroza das ondas". O drakkar, como se coñece popularmente, deriva do nome islandés para dragón. É un barco de madeira, estreito, lixeiro e de pouco calado, propulsado por remos e dirixido por un leme colocado a estribor. Tamén leva un mastro para vela. Habíaos de moitos tamaños segundo fosen de transporte, pesca ou guerra. Na súa construción non se usaban cadernas, senón pranchas de madeira superpostas, tapando as xuntas entre elas con musgo empapado en brea. Para conseguir a máxima resistencia, procuraban obter os perfís dunha soa peza, para o cal buscaban árbores que o permitisen.