15 / Xullo / 2010

Este ano, o punto final do VII Curso Universitario de Comunicación Audiovisual de Celanova foi posto, o pasado venres, polos oito alumnos do grupo do Taller Audiovisual coordinado polo profesor Paulino Pérez Feijóo. Alba Colino, Alba Somoza, Alexander Martín, Eladio Aristóteles Vega, Lucía Blanco, Marcos García, Noelia Lage e Rebeca Domínguez presentaron o froito do seu traballo, desenvolvido durante os tres días que durou o curso: O Americano, un documental de ficción de 12 minutos de duración realizado na vila de San Rosendo coa participación dos seus propios veciños.
O documental será proxectado publicamente, durante o verán, no Salón de Actos do mosteiro para que todos os habitantes de Celanova podan admirar o excelente traballo destes alumnos de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo, que é un produto orixinal cheo de humor e de chiscadelas á literatura e ao cine. En breve, poderase acceder a el dende a nosa páxina web. Vaia o noso máis cariñoso recordo para estes rapaces e rapazas que puxeron a guinda á sétima edición do curso de Celanova.
5 / Xullo / 2010
A Fundación Carlos Casares vén de asinar un convenio coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia que permitirá a dixitalización do arquivo persoal do escritor ourensán. O convenio, asinado o pasado luns, día 28 de xuño, contempla a dixitalización, nunha primeira fase, de máis de 3.600 páxinas de manuscritos, mecanoscritos e apuntamentos orixinais de Carlos Casares e ata un total de 1.200 fotografías, en branco e negro e cor, que pertencen aos fondos da nosa Fundación. Todos estes documentos estarán catalogados e dixitalizados a final de ano e serán accesibles a través de internet, ben no portal da Biblioteca de Galicia ou mediante a páxina web da Fundación Carlos Casares.
Diferentes versións de novelas como O sol do verán ou Xoguetes para un tempo prohibido; textos mecanoscritos corrixidos de relatos como O galo de Antioquía, de ensaios como A literatura medieval galega, ou escritos biográficos como Da miña acordanza, Hemingway en Galicia ou A vida do padre Sarmiento, serán postos a disposición pública nesta primeira fase, de xeito gratuíto para a súa doada consulta a través da pantalla do ordenador persoal.
En anos sucesivos preténdese abordar a dixitalización da abundante correspondencia que garda o Arquivo Persoal de Carlos Casares, á par doutros documentos textuais e gráficos patrimonio da Fundación.