A FUNDACIÓN CARLOS CASARES creouse no ano 2002 por iniciativa da familia e dos amigos do escritor. Animada polo espírito que inspirou a vida e mais a obra de Carlos Casares, a súa pretensión é constituír unha instancia para a reflexión sobre a sociedade e a cultura, ao servizo de Galicia e da convivencia democrática, desde o pluralismo, o debate libre e o diálogo aberto co mundo. A Fundación Carlos Casares ten en Vigo a súa sede principal (r/ Elduayen, nº 36- antigo edificio Asefal), se ben dispón doutros espazos en colaboración con entidades doutras cidades de Galicia.
Os seus principais obxectivos son:
- Velar polo estudo e a difusión da obra literaria de Carlos Casares, así como pola preservación e a continuidade da súa biblioteca, o seu arquivo e as súas coleccións.
- Promover e difundir o legado do escritor no que se refire ao desenvolvemento cívico, social e cultural de Galicia, propiciando unha cultura cidadá que teña como eixes principais a comunicación, o diálogo e mais a tolerancia.
- Constituírse como entidade mediadora entre a cultura galega e a cultura universal desde criterios de apertura, pluralismo e respecto á diversidade cultural.
- Realizar toda clase de actividades que contribúan ao proceso de normalización lingüística e cultural de Galicia, especialmente naquelas áreas vinculadas á vida e á obra de Carlos Casares.
Para levar adiante os seus programas a Fundación Carlos Casares conta coa axuda dos seus padroeiros e colaboradores, así como dos particulares, empresas e entidades de todo tipo vinculadas a este proxecto a través dos Amigos da Fundación Carlos Casares.