Os Camiños de Carlos Casares

Escoita o texto en galego

OS CAMIÑOS DE CARLOS CASARES

A exposición recolle 40 fotografías de Xurxo Lobato inspiradas en textos de Carlos Casares sobre o Camiño de Santiago e, de modo máis amplo, sobre a experiencia da viaxe. A exposición, que forma parte do programa "O Teu Xacobeo" da Xunta de Galicia, percorrerá cinco concellos galegos do Camiño de Santiago, na súa segunda xeira, para goce de peregrinos, turistas e cidadanía en xeral.

A Fundación Carlos Casares participa no proxecto europeo Erasmus+ ALLURE ( Alfabetización Liberadora: Accesibilidade Universal en Recursos culturais para a Educación permanente) co fin de outorgar unha maior accesibilidade ás súas actividades culturais.

Enlace: Folleto da exposición / Cartel xenérico da exposición
Enlace: Twitter "Os Camiños de Carlos Casares"

ITINERANCIA DE 2022

1) CONCELLO DE MAZARICOS (22 a 30 de agosto de 2022)

A vila de Mazaricos, situada na comarca do Xallas (A Coruña), encádrase no Camiño de Fisterra, preto xa do mar e do final do destino de quen quere concluír o seu periplo xacobeo no océano Atlántico. Na zona abundan elementos megalíticos (como as mámoas de Eirón, o dolmen de Parxubeira e a necrópole de Monte de Embaixo). Tanto se fas o Camiño como se es un visitante ocasional, non esquezas parar pola capela de Santa Leocadia. Ademais dun bo lugar para o descanso e a contemplación, o seu adro circular serve tamén de antesala da fervenza de igual nome.

Lugar: Casa da Cultura de Mazaricos (Rúa Castelao, 1)
Datas e horario: Do 22 ao 30 de agosto de 2022, de martes a sábado de 9 a 14 horas. Domingo de 17 a 22 horas.
Enlace: Cartel anunciador
Enlace: Documento PDF accesible utilizando a app CIMA (Información cultural feita accesible) do proxecto Erasmus+ ALLURE.
Enlace: Páxina web do Concello de Mazaricos

 Escoita o texto en galego

XURXO LOBATO, CARLOS CASARES E O CAMIÑO

Casares cumpriu co rito da peregrinación á tumba do Apóstolo en 1992, percorrendo a pé o tramo galego do Cebreiro a Compostela dende o 8 ao 12 de outubro. Integraba un grupo variado de quince peregrinos, de diferentes idades, con profesións e orixes distintas, algúns dos cales non se coñecían antes do inicio da viaxe. Pese ao seu costume de compartir anécdotas na súa columna diaria de La Voz de Galicia, o escritor non deixaría referencia desta peregrinación, aínda que os artigos de “Á marxe” seguiron aparecendo puntualmente durante a viaxe, con outros temas e protagonistas.

Eu contei un milagre que vén no libro de Santiago e que trata dun cabaleiro que foi pechado no calabozo dun castelo, onde se encomendou ao Apóstolo para que o sacase de alí, o cal conseguiu, pero facendo que a torre se inclinase ata o chan para que puidese saír andando.

(“Milagres”, Á marxe, La Voz de Galicia, 21/11/1999)

Casares amaba Santiago de Compostela con naturalidade, non en van o acolleu durante a etapa nutricia, sendo a vella universidade a súa alma mater. Durante os últimos seis anos da súa vida, ademais, deulle o mellor despacho que un pode soñar, coas ventás abertas á fachada da catedral. Por iso non son escasas as referencias á cidade na súa obra; todo o contrario, nela atopamos textos explícitos tanto sobre a súa dimensión física, ou xeográfica, como na dimensión mítica que lle conferira a inventio da tumba do Apóstolo.

Durante o primeiro ano da carreira, Casares viviu na Avenida de Raxoi, posiblemente a avenida máis curta do mundo, que arranca na praza do Obradoiro e remata, cen metros e pico máis alá, na Travesa de Fonseca, ao pé das escaleiras que conducen ao xardín do antigo Colexio. O contorno da catedral éralle familiar: a Torre Berenguela; a praza da Acibechería ou a basílica mesma. Tan familiar como o camiño á Facultade de Filosofía e Letras, en 1975 renomeada de Xeografía e Historia; a Quintana dos Mortos e os soportais das rúas. E máis alá, a Porta do Camiño e o Monte do Gozo. É dicir, a cidade real, pedras que sosteñen, dan forma e envolven a cidade mítica, que resulta invisible a primeira vista e xorde da auga e da luz, entre a chuvia e as sombras.

A primeira vez que vin o mar foi nunha viaxe en tren, desde Ourense a Santiago por Redondela, alá polos anos corenta. Non recordo case nada, a non ser o asombro que me produciu. Co tempo, entre fantasías infantís e anacos de conversas escoitadas aos maiores, presumín diante dos demais nenos de que vira unha balea e centos de tiburóns. A realidade é que a miña nai aseguraba que viramos un par de delfíns.

(“A beleza e o frío”, Á marxe, La Voz de Galicia, 7/01/1996)

A viaxe é un feito recorrente na vida de Carlos Casares. Dende a temperá relación con Suecia, por mor do seu matrimonio con Kristina Berg, ata os debidos aos frecuentes e variados compromisos profesionais. En consecuencia, o Camiño intégrase na súa vida como unha metáfora. Ambos os dous implican ilusión, silencios e reflexión; esforzo e renuncias. A propia viaxe obriga. Mais tamén invita ao contacto persoal, a compartir, a falar. Imposible evitalo cando, como no seu caso, conflúen a bondade e a intelixencia, sementadas de curiosidade, e mais a cortesía.

Curiosa vivencia esta da idade, que require unha peregrinación aos lugares do pasado para sermos conscientes de que os anos foxen e que o tópico de escritores e poetas resulta certo.

(“Unha viaxe sentimental”, Á marxe, La Voz de Galicia, 18/07/1992)

Casares gustaba de perderse por vilas e cidades, pasear as rúas e camiñar os montes, observar as augas e o ceo dende areas e ribeiras. Sentar nun café, ver xente, falar sen présa e deitarse tarde. O mundo é grande e fermoso de sobra. Segundo el, incluso en Galicia se podía facer un mapa de reboticas célebres polas súas tertulias. En Ribadavia, por exemplo, estaba a de José María Chao, pai dun ministro da I República. En Ourense, a tertulia dos Temes na botica da Praza do Ferro. En Pontevedra, a de Perfecto Feijóo, no número 1 da rúa Michelena, que cando facía bo tempo se celebraba fóra da farmacia, nun banco de pedra que hoxe garda o Museo de Pontevedra.

Entre, pois, na exposición como nun bosque de mundos e xente, e goce do Camiño, porque “viaxar é como verlle as tripas ao mundo”.

Escoita o texto en galego

CARLOS CASARES. BIOGRAFÍA

Carlos Casares naceu en Ourense en 1941 e faleceu en Vigo (Pontevedra) en 2002. Cando tiña tres anos, a súa familia mudouse a Xinzo de Limia. Estudou no Seminario de Ourense de 1952 a 1957, onde recibiu unha formación humanística. O gañar un concurso de relatos en Ourense valeulle para coñecer a Vicente Risco e incorporarse á súa tertulia do Café Parque. Rematado o Bacharelato, foi a Santiago de Compostela a cursar a carreira de Filosofía e Letras. Durante a etapa universitaria non esqueceu a súa vocación literaria, publicando algúns relatos na revista Grial, en 1965, e dous anos despois o seu primeiro libro, Vento Ferido, na editorial Galaxia. Durante unha viaxe coñeceu a Kristina Berg, unha rapaza sueca coa que casou uns meses despois. A partir de entón Carlos viaxará a Suecia con frecuencia, descubrindo unha sociedade aberta, democrática e avanzada. En 1978 entrou na Real Academia Galega, sendo nese momento o seu membro máis novo. Ademais do seu traballo como ensaísta, editor e tradutor, Carlos Casares non descoidou a literatura e seguiu publicando uns cantos títulos con boa acollida de público e crítica, como Os escuros soños de Clío (1979); Ilustrísima (1980) e, de volta dunha lexislatura como parlamentario galego, Os mortos daquel verán (1987), Deus sentado nun sillón azul (1996) e mais O sol do verán (2002). Tamén escribiu literatura infantil e xuvenil.

XURXO LOBATO. BIOGRAFÍA

Xurxo Lobato (A Coruña, 1956), licenciado en Xeografía e Historia. Fotoxornalista. Académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes. Premio Ortega y Gasset de El País 2003. Premio Artes Plásticas da Cultura Galega 2020. Premio da Crítica Galega 1991. Comisario do premio Luis Ksado da Deputación da Coruña. Ilustrou máis de 60 libros coas súas fotografías con autores como Carlos Casares, Manuel Rivas, Suso de Toro, Gonzalo Torrente Ballester, Ramón Villares… A súa obra artística está, entre outras, nas coleccións de arte do museo Reina Sofía, IVAM, CGAC, Naturgy, MARCO, Colección Alcobendas…

PEREGRINO
FARO 
CABO FISTERRA
COSTA DA MORTE
ANOCHECER
ATARDECER
CARLOS CASARES, ESCRITOR,   NO CAMI„O DE SANTIAGO
CAMINO DE SANTIAGO PRIMITIVO
PEREGRINAS DE ESTONIA
PEREGRINO
CAMINO DE SANTIAGO DEL NORTE
SANTO ALBERTE 
CRUCEIRO
PEREGRINO
PEREGRINA
ORGANO DA CATEDRAL DE SANTIAGO
BARROCO
CATEDRAL DE SANTIAGO PLAZA DE PLATERIAS CASA CABILDO
DIA DE GALICIA OFRENDA AL APOSTOL SANTIAGO INTERIOR CATEDRAL APOSTOL SANTIAGO
12 º ENCONTRO DE EMBARCACIONS TRADICIONAIS EN CABO DE CRUZ
DRAKKAR DE CATOIRA VIKINGO

 Escoita o texto en galego

ALGUNHAS CITAS DE CARLOS CASARES

«Tiña cara de estar feliz e contento, seguramente porque acabara xa a peregrinación e cumprira coas súas obrigacións relixiosas no interior da catedral».
[“Un cura”, Á marxe, La Voz de Galicia, 29/05/1999]


«Toda esa mole colosal de granito nace do chan, como se fose unha montaña, do mesmo xeito que as plantas e as herbas crecen na a propia fachada catedralicia do Obradoiro. Santiago de Compostela ten un carácter vexetal que humaniza o que douto xeito non pasaría da frialdade sen alma dun conxunto ordenado de pedras».
[“El milagro de Santiago”. Ronda IBERIA, Julio, 1993]


«Miras pola fiestra e contemplas a tristura mollada da rúa. Ficas apoiado sobre o peitoril un momento ata que oes o reloxo da catedral que peta sete veces na túa melancolía e preguntas que faremos, Elías, ata a hora de cear».
[Xoguetes para un tempo prohibido, Galaxia, 1975]


«Onte pasei o día en Santiago e había néboa. Por veces, miraba pola ventá cara á fachada do Obradoiro e as torres desaparecían, completamente borradas, igual que se naquel preciso instante se estivese producindo un milagre: que Deus as roubase para dispoñer delas no ceo durante algúns minutos ou algunhas horas».
[“Néboa”, Á marxe, La Voz de Galicia, 24/10/1998]


 «Precisamente estaban xuntos no Café Derby o día que ela o coñeceu a el. Recorda a Servando Valencia vestido cunha rechamante chaqueta de cadros, falando da natureza porcina do rostro de Romanones,...»
[Deus sentado nun sillón azul, Galaxia, 1996]


«Se houbese que buscar un símbolo vivo desta cidade, non deberíamos pensar na Ponte Romana, que non é romana, por certo, nin na Burga fervendo auga, nin no Santo Cristo, o da barba medrada, venerado na máis fermosa capela da catedral. Habería que elixir máis ben un espazo real e imaxinario ao mesmo tempo, que neste caso estaría situado nas inmediacións da praza do Ferro, no corazón da cidade vella».
[“Ourense: o sabor da literatura”, O expreso da literatura, Galaxia, 2017]


«Para saír, elixiu Ilustrísima sotana sen cordón de calabrote, dulleta de merino, tella normal e zapatos sen fibela. Pensou que deste xeito podería pasar sen ser recoñecido. Despois baixou rápido pola escaleiras do patio interior, atravesou este cara a corte dos cabalos, abriu a porta de servizo do cocheiro, mirou con tento para ver se había fóra xente coñecida e saíu á rúa de Arcediagos».
[Ilustrísima, Galaxia, 1980]


«Pontevedra é unha cidade literaria na medida en que é tamén unha cidade inventada».
[“Sobre cafés y tertulias en Pontevedra”, O expreso da literatura, Galaxia, 2017]


«Onte pola mañá estiven en Baiona facendo o vago durante unha hora longa, sentado nunha terraza sen máis preocupación que mirar para a xente e contemplar a fermosura do mar, cheo de barquiños, e do ceo, tan azul que parecía un cromo. Botei contas e xa non falta moito para que veña Torrente Ballester, a quen boto de menos cada vez que me achego ata a vila».
[“As horas de Baiona”, Á marxe, La Voz de Galicia, 30/03/1997]


 Escoita o texto en galego

ITINERANCIA DE 2021

1) CONCELLO DE MONDOÑEDO (15 a 30 de maio de 2021)

A vila de Mondoñedo, situada no interior da Mariña lucense e sobre o val do río Masma, é o maior conxunto monumental que atopan os peregrinos que viaxan polo Camiño do Norte galego. É unha pequena localidade que atesoura un enorme legado cultural, o punto de arranque perfecto, e alí será inaugurada o día 15 de maio.
Lugar: Centro Comarcal Pazo de San Tomé de Mondoñedo (Rúa Julia Pardo Montenegro, 13)
Datas e horario: Do 15 ao 30 de maio de 2021, de luns a venres entre as 9 a 15 e de 18 a 20 horas.
Enlace: Cartel anunciador e Invitación á inauguración

2) MUSEO DA FONSAGRADA (Do 4 ao 29 de xuño de 2021)

Coñecido como Concello de Burón ata 1835, A Fonsagrada é un dos puntos clave do Camiño Primitivo. Esta localidade debe o seu nome á antiga fonte "sagrada", situada no centro do casco urbano. A Fons Sacrata aparece relacionada co fenómeno xacobeo a través de varias lendas relacionadas co coidado a peregrinos.
Lugar: Museo da Fonsagrada (Praza do Museo, s/n)
Datas e horario: Do 4 ao 29 de xuño de 2021, de martes a venres entre as 12 e as 14 horas; sábados e domingos, entre as 12 e as 14 e das 17 ás 19 horas; luns pechado.
Enlace: Cartel anunciador

3) CONCELLO DE CATOIRA (A partir do 1 de xullo de 2021)

Situado a 37 quilómetros de Santiago de Compostela, en Catoira únense a desembocadura do río Ulla e a Ría de Arousa. Entre elas podemos atopar a ermita dedicada ao apóstolo Santiago, cuxo corpo, segundo conta a lenda, pasou por ese lugar camiño de Santiago de Compostela.

Lugar: Sala Luis Seoane (Edificio multiusos, Rúa do Concello, 1)
Datas e horario: Do 1 ao 15 de xullo de 2021, de luns a venres entre as 09 e as 14 horas.
Enlace: Cartel anunciador

4) CONCELLO DE CORCUBIÓN (A partir do 16 de xullo de 2021)

Na Costa da Morte é onde ten a súa orixe o mito xacobeo: ás nosas costas chegou o apóstolo Santiago nunha barca de pedra. Resulta lóxico que a ruta xacobea se prolongue hoxe en día até a Costa da Morte. Desde Santiago podemos seguir o Camiño, que en Dumbría se divide en dirección Fisterra ou Muxía. A derradeira etapa do Camiño pola variante de Fisterra ten a súa saída desde Corcubión.
Lugar: Cárcere Vello (Porto, s/n)
Datas e horario: Do 15 ao 30 de xullo de 2021, de mercores a domingo entre as 10 e as 14 horas e entre as 15 e as 18.30 horas.

Enlace: Cartel anunciador

5) CONCELLO DE ALLARIZ (A partir do 31 de xullo de 2021)