PREMIO CARLOS CASARES – KRISTINA BERG AO TALENTO ACTIVO

 A Fundación Carlos Casares e a Deputación de Ourense convocan o Premio Carlos Casares – Kristina Berg ao talento activo, dotado con 10.000 €. Búscase recoñecer o talento emerxente, activo dunha persoa e  colaborar no seu desenvolvemento dentro dun proxecto vital interesante e prometedor. Non se esixe nada a cambio, é unha aposta de futuro baseada nos méritos do presente.

Os valores da Fundación Carlos Casares, conforme o legado do escritor ourensán, son a democracia, o diálogo e a tolerancia. Neles apoiámonos para contribuír ao progreso e normalización de Galicia, nas súas vertentes cívica, social e cultural.

Calquera persoa natural ou residente na Comunidade Autónoma de Galicia, que teña demostrado o seu talento previamente nalgunha das áreas de coñecemento, ben cun traballo publicado ou inédito, ben coa realización dunha obra ou iniciativa orixinal, que estea rematada ou en marcha pode ser nomeado como candidato. Como buscamos un talento emerxente temos que establecer un límite de idade (menos de 36 anos), aínda asumindo que será arbitrario e seguramente variará co tempo, de maneira que unha vez establecido o límite, quede asegurada a súa revisión periódica.

Tendo en conta a misión da Fundación Carlos Casares, os valores que defendemos e os obxectivos fundacionais, dirixidos cara á normalización de Galicia, especialmente da súa lingua e a súa cultura, as áreas de coñecemento a onde vai dirixido este premio son, de forma non excluínte, as seguintes:

  • Área das Artes e Humanidades, en especial os campos da Filoloxía, da Historia, da Arqueoloxía; as Artes escénicas (teatro, música, danza…) e as Artes visuais e audiovisuais (cine, fotografía, videoxogos…), sen esquecer o deseño gráfico ou o deseño de moda, entre outros.
  • Área das Ciencias Sociais e Xurídicas: a Economía, a Educación, o Dereito, a Comunicación, a Socioloxía, as Ciencias Políticas, Estatística, etc.
  • Área das Ciencias Naturais e Biomédicas: a Medicina, a Ecoloxía, a Agronomía…
  •  Área da Arquitectura e a Enxeñería: Urbanismo, Telecomunicacións, Informática… E, por suposto, a calquera campo da Tecnoloxía, que contribúe en gran medida ao avance das demais áreas.

O prazo de envío de candidaturas será do día 1 de xaneiro de 2020 ata o 15 de maio de 2020 ás 24 horas.


PREMIO CARLOS CASARES – KRISTINA BERG AO TALENTO ACTIVO

BASES DO PREMIO

 

  1. Organizadores.

A Fundación Carlos Casares e a Deputación Provincial de Ourense organizan e convocan o PREMIO CARLOS CASARES – KRISTINA BERG AO TALENTO ACTIVO, que terá carácter anual.

  1. Obxecto do Premio.

O premio pretende descubrir e recoñecer e apoiar o talento activo dunha persoa nalgunha das áreas de coñecemento e colaborar no seu desenvolvemento no marco dun proxecto vital interesante e prometedor. Non se pide nada a cambio, pois é unha aposta de futuro baseada nos méritos do presente.

  1. Ámbito territorial.

O ámbito territorial da convocatoria é Galicia, podendo ser candidato calquera persoa natural ou residente na Comunidade Autónoma de Galicia, que teña demostrado o seu talento previamente nalgunha das áreas de coñecemento, ben cun traballo publicado ou inédito, ben coa realización dunha obra ou iniciativa orixinal, que estea rematada ou en marcha.

  1. Datas e período de vixencia.

O período durante o cal se poderán presentar candidaturas ao premio comeza o día 1 de xaneiro de 2020 e remata o 15 de maio do mesmo ano.

  1. Contía do premio.

– O premio terá unha dotación económica de 10.000 euros, que servirán para cubrir calquera gasto que axude ao desenvolvemento da carreira da persoa premiada. Non hai contrapartida. Poderán ser investidos en formación, sexan matrículas de cursos, estadías, material, etc.; e tamén como axuda para a conciliación familiar.

– Ademais, a persoa premiada recibirá un diploma acreditativo do galardón.

– A cerimonia de entrega do galardón celebrarase nun lugar relevante da capital ou da provincia de Ourense antes de que remate o ano 2020.

  1. Condicións de participación.

As persoas candidatas a este premio poderán ser presentadas por unha institución galega e deberán reunir os seguintes requisitos:

– Ser natural da Comunidade Autónoma de Galicia ou ter residido nela durante a metade da súa formación académica, ou durante un mínimo de tres anos da súa carreira profesional.

– Ter menos de 36 anos.

– Non ter recibido o premio en convocatorias anteriores.

– Demostrar actividade relevante en calquera área de coñecemento.

– Non poderán concorrer as persoas que manteñan relación laboral coas institucións convocantes, nin as que interveñan na organización do premio, nin os seus familiares, ascendentes, descendentes, cónxuxes ou parellas de feito, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade de todos os anteriores.

– Os candidatos poden ser nomeados polo xurado ou por institucións galegas, como universidades, centros de investigación, fundación, etc., por propia iniciativa ou a requirimento das entidades convocantes.

– A participación no PREMIO CARLOS CASARES – KRISTINA BERG AO TALENTO ACTIVO comporta a completa aceptación destas bases, sen excepción ningunha, e polo tanto os candidatos quedan obrigados ao seu estrito cumprimento en todo momento.

  1. Procedemento da convocatoria.

– A documentación requirida debe enviarse nun único arquivo PDF ao enderezo de correo fundacioncarloscasares@fundacioncarloscasares.org:

  • Formulario de Nomeamento. A institución que nomee deberá solicitarlle á persoa nomeada que achegue a documentación necesaria para ser enviada ao enderezo de correo da Fundación Carlos Casares nun único documento PDF.
  • Carta de motivación da persoa nomeada.
  • Curriculum vitae.
  • Nome completo e enderezo de correo electrónico e/ou postal de polo menos unha referencia dun investigador ou investigadora no campo ou especialidade da súa área de coñecemento. Só se contactaría con esa referencia en caso de empate entre finalistas.

– O prazo de presentación de solicitudes remata o día 15 de maio de 2020.

– As solicitudes cos nomeamentos serán avaliadas por especialistas designados ex profeso pola Fundación Carlos Casares e a concesión do premio será competencia en última instancia dun xurado composto polas seguintes persoas:

  • Don José Manuel Baltar Blanco
  • Don Francisco Javier Casares Mouriño
  • Dona María Martinón Torres
  • Don Fernando González González (“Gonzo”)
  • Dona Cristina Pato Lorenzo
  • Dona María Canosa Blanco
  • A persoa galardoada na convocatoria do ano inmediatamente anterior

– Asistirá ao xurado un secretario con voz, pero sen voto, nomeado pola Fundación Carlos Casares.

– O xurado seguirá os seguintes criterios de avaliación:

  • Relevancia do tema (40%)
  • Motivación e contribución do premio á carreira do aspirante (40%)
  • Progresión da carreira do aspirante (20%)

– O fallo do xurado será inapelable.

  1. Dereitos de imaxe e difusión de nome e apelidos.

O gañador do premio autoriza e consente expresamente, polo feito de participar na convocatoria, a reprodución, utilización, publicación e difusión da súa imaxe e do seu nome e apelidos en calquera medio de comunicación, incluído internet e redes sociais da Deputación de Ourense e da Fundación Carlos Casares, sen limitación xeográfica nin temporal, con fins publicitarios e promocionais en relación exclusivamente á súa condición de premiado na correspondente convocatoria, sen que as ditas actividades lle confiran dereito a remuneración ou beneficio ningún, agás a entrega do premio obtido conforme as presentes bases. No caso de ter facilitado a súa imaxe a terceiros, manifesta contar co expreso consentimento e autorización deles para o uso da mesma polas entidades organizadoras do premio, consonte o establecido nas presentes bases.

  1. Confidencialidade.

Garantirase a confidencialidade respecto a toda a información facilitada polos participantes e polas institucións nomeadoras.

  1. Protección de datos.

– De conformidade coa Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e a súa normativa, así como la Lei 34/2002, de 11 de xullo, de Servizos da sociedade da información e comercio electrónico, os organizadores informan aos participantes que os datos persoais que se faciliten, incluída a imaxe, no seu caso, serán incorporados aos seus ficheiros, coa finalidade de xestionar o desenvolvemento da convocatoria, entrega do premio ao galardoado, e cumprir as obrigacións fiscais que lle corresponden.

– A negativa a subministrar os datos solicitados coas finalidades indicadas determinará a imposibilidade de participar na convocatoria e conseguir o premio. O gañador do premio autoriza as convocantes e colaboradores para a utilización do seu nome, apelidos e imaxe consonte o establecido nas bases 8 e 9 anteriores.

– O titular dos datos poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, oposición e cancelación, mediante solicitude escrita e asinada dirixida á Fundación Carlos Casares coa referencia “Premio Carlos Casares – Kristina Berg ao talento activo”, acompañando copia do DNI ou documento legal equivalente, a Rúa Oporto, 1, 1º (36201 – Vigo), ou ben ao enderezo de correo electrónico:

fundacioncarloscasares@fundacioncarloscasares.org.

  1. Fiscalidade.

Serán por conta do premiado todos os impostos que graven a percepción do premio. De conformidade coa vixente lexislación española, a cantidade obxecto deste Premio estará, en principio, suxeita a retención do IRPF.

  1. Depósito das bases.

As Bases da presente convocatoria permanecerán a disposición de calquera persoa que desexe consultalas, nas páxinas web www.depourense.es e mais www.fundacioncarloscasares.org

 

*       *       *

Enlaces:

  • Documento coas bases (PDF)
  • Formulario de Nomeamento (DOC)