29 outubro 2003; sede da Fundación Carlos Casares
A. Guerreiro, M. Barros, P. Puy, D. Villalaín.
A segunda sesión de ‘Os debates de Café Voltaire’ estivo adicada a tentar realizar un balanzo sobre a situación da denominada ‘Terceira vía’, polémico intento de anovamento da socialdemocracia europea propugnado polo líder laborista e Primeiro Ministro do Reino Unido Tony Blair, e que ten como principal pai intelectual ao sociólogo Anthony Giddens, antigo director da London School of Economics.
Tencionando abordar esta análise dende diferentes ángulos ideolóxicos, interviñeron como convidados no debate Anxo Guerreiro (histórico Secretario Xeral do Partido Comunista de Galicia e deputado do Parlamento de Galicia, na actualidade analista político en diversos medios de comunicación), Miguel Barros (político de ampla traxectoria vencellada sempre ao Partido Socialista de Galicia-PSOE, varias veces deputado no Parlamento de Galicia e concelleiro en Vigo e actual Presidente Comarcal do PsdeG-PSOE) e Pedro Puy Fraga (Profesor de Economía Política da Universidade de Santiago de Compostela e daquela Director Xeral de Relacións Institucionais, así mesmo colaborador de varios medios de comunicación). Os convidados estiveron presentados e moderados por Damián Villalaín, Director da Fundación Carlos Casares.