18 decembro 2003; sede da Fundación Carlos Casares
D. Villanueva, D. Villalaín, M. Bragado.
Nesta sesión de ‘Os debates de Café Voltaire’ analizouse o impacto que a vertixinosa implantación das novas tecnoloxías en todos os ámbitos da nosa cotianeidade pode estar a ter na actual crise da chamada edición tradicional. Os novos usos editoriais e de consumo, ao carón duns preocupantes baixos índices de lectura, son realidades duns tempos no que o libro, tal coma o entendemos, semella ter que atopar un novo lugar no que se acomodar. ¿Substituirá a edición dixital á tradicional ou, sendo complementares, hai espazo para os dous soportes no mundo editorial? ¿verase afectada a creación literaria cambiando a súa forma de comunicación?.
Os encargados de introducir o debate foron Darío Villanueva (Catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela, da que foi reitor durante oito anos) e Manuel Bragado (Editor e Director de Edicións Xerais de Galicia), presentados por Damián Villalaín (Director da Fundación Carlos Casares). Ambos convidados ofreceron visións dende diferentes faceres: nun caso dende a tradición humanística académica, tendo en conta as inmensas posibilidades que as novas tecnoloxías ofrecen para o saber científico, e por outra banda dende a práctica editorial diaria, que obriga a satisfacer as demandas do mercado a través da implantación destas tecnoloxías na produción.