A organización desta exposición en itinerancia polas vilas e cidades de Galicia foi produto dunha iniciativa da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e a Fundación Carlos Casares, apoiadas pola Dirección Xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal da Consellaría de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e a Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
Centrada na traxectoria pública e vital de Carlos Casares, recolle en moi apertada síntese o esencial do percorrido biográfico do noso autor, dende o seu labor como escritor e editor até as súas actividades na vida política e cultural de Galicia, a través dun bo número de fotografías e textos explicativos acompañados dunha extensa e variada mostra de obxectos, entre os que salientan os diversos exemplares da súa obra.
A mostra inclúe tamén un amplo e curioso repertorio de obxectos persoais, como un amplo abano de manuscritos e mecanoscritos, documentos que reflicten o seu traballo na Real Academia Galega, no Parlamento de Galicia e no Consello da Cultura Galega, un bo número de premios, homenaxes e recoñecementos, antigas cámaras fotográficas de fol, maquetas eléctricas de trens, a mesa de estudante sobre a que escribiu as súas primeiras obras e as plumas estilográficas, máquina de escribir e ordenadores que foi empregando ao longo do tempo. Un módulo audiovisual complementario informa ao visitante mediante reportaxes sobre a figura de Carlos Casares e con entrevistas ao propio autor. A exposición péchase cun espazo que explica a creación e actividades da Fundación Carlos Casares.
A exposición “Os mundos de Carlos Casares” é cedida pola Fundación Carlos Casares en réxime de empréstimo temporal mediante acordo con aquelas institucións interesadas que a soliciten e dispoñan de instalacións axeitadas para a súa montaxe e mantenza. Os emprazamentos que deica o momento acolleron a mostra foron:
– Sala de Exposicións da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal da Pobra de Trives.
– Casa da Cultura de Xinzo de Limia.
– Sala de Exposicións da Deputación Provincial de Ourense.
– Casa Galega da Cultura (Vigo).
– Fundación Wenceslao Fernández Flórez (Cecebre; Cambre).
– Casa dos Poetas (Celanova).
– Fundación Gonzalo Torrente Ballester (Santiago de Compostela).
– Centro Cultural Municipal Gonzalo Torrente Ballester (Ferrol).
– Casa da Cultura de Vilanova de Arousa
– Auditorio Municipal de Cangas do Morrazo.
– Liceo de Ourense.
Existe igualmente unha exposición escolar ‘Os mundos de Carlos Casares, composta por unha serie de paneis pendurables, explicativos da vida e obra de Carlos Casares, con abundantes fotografías e textos divulgativos ben axeitados á idade escolar, nos que de xeito sintético se recolle o máis esencial do seu percorrido biográfico, dende o seu labor como escritor e editor até as súas actividades na vida política e cultural de Galicia.
Na seguinte galería de imaxes pódense ver montaxes da exposición “Os mundos de Carlos Casares” en diversas ubicacións: