2 decembro 2003
Vigo; sede da Fundación Carlos Casares
M. F. Vieites, X. Lago, D. Villalaín, E. de la Rubia, C. Rubio, J. Sueiro.
Na súa terceira sesión, ‘Os debates de Café Voltaire’ abordaron a controversia en torno ao proxecto do Auditorio de Beiramar de Vigo, obra que leva anos reclamándose dende a cidadanía como unha eiva que precisa unha cada vez máis urxente solución. Baixo o título “Vigo e o Auditorio de Beiramar”, recolléronse os criterios de representantes de diversos colectivos artísticos, tanto xenéricos coma concretamente vencellados á cidade olívica, susceptibles usuarios das instalacións do previsto auditorio que non foran consultados no momento de desenvolver o proxecto, mais sabedores das necesidades que unha infraestrutura deste tipo ten que observar para poder levar a cabo as súas actividades de xeito satisfactorio, optimizando os investimentos realizados e facendo rendible socialmente as súas actividades.
No debate, que foi introducido por Damián Villalaín (Director da Fundación Carlos Casares) participaron tamén Manuel F. Vieites (investigador e crítico teatral, actual Director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia inaugurada no ano 2005 en Vigo), Xulio Lago (director de escena e do Teatro do Atlántico), Jesús Sueiro (Presidente da Sociedade Filarmónica de Vigo), Eduardo de la Rubia Huete (Vicepresidente da Asociación de Amigos da Ópera de Vigo), e Carlos Rubio (vigués que dirixe a Orquesta Sinfónica do Principado de Asturias). Así mesmo, foron convidados a asistir representantes de todos os grupos políticos que daquela conformaban o pleno municipal vigués.