IDEOLOXÍAS E DIVERSIDADE LINGÜÍSTICA
Vigo, 21 xuño 2006
Os Diálogos sobre linguas e sociedades son unha iniciativa da Fundación Carlos Casares que xorde co obxectivo de instituír un foro de reflexión e debate aberto sobre todo tipo de cuestións relevantes que se deriven da complexa imbricación entre as linguas e os grupos humanos. Preténdese dar cabida a puntos de vista diversos que axuden a entender, a conceptualizar e a respostar aos desafíos lingüísticos das sociedades actuais e aos problemas sociais das variedades lingüísticas.
Na primeira edición dos Diálogos, realizada en decembro de 2005, debateuse sobre a diversidade lingüística en xeral e en relación coas políticas de intervención sobre a dita diversidade, contando coa participación de Abram de Swaan, Joan Argenter, Mauro Fernández e Francisco Moreno.
Nesta segunda edición o obxecto de debate desprazouse cara ás ideoloxías lingüísticas, máis concretamente cara á interrelación entre ideoloxías e diversidade lingüística. O concepto de ideoloxía lingüística foi caracterizado como o conxunto de ideas-forza coas que os individuos interpretan a diversidade lingüística e aplican esa interpretación á avaliación das persoas, sucesos e actividades que lles son significativos. Nese escenario de interrelación entre ideoloxías, individuos e variedades lingüísticas situamos o debate aberto presentado na segunda edición dos Diálogos sobre linguas e sociedades.
Data e lugar:
Mércores 21 de xuño do 2006; Universidade de Vigo, Edificio Miralles, sala 1.
Coordinación:
Anxo M. Lorenzo e Håkan Casares Berg.
Organización:
Fundación Carlos Casares coa colaboración da Universidade de Vigo mediante a súa Vicerreitoría de Relacións Institucionais e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Asistencia:
A asistencia é libre até completar a capacidade da sala. Os interesados deben comunicar a súa participación á Fundación Carlos Casares. Expedirase un certificado de asistencia cos cruños da Fundación Carlos Casares e a Universidade de Vigo a todos os asistentes á xornada.
OS PARTICIPANTES:
Marcos Bagno
Profesor titular do Departamento de Lingüística da Universidade de Brasilia-Instituto de Letras. É autor, entre outras, das obras Preconceito lingüístico: o que é, como se faz; Dramática da lingua portuguesa: tradiçao gramatical, mídia e exclusâo social e A norma oculta: lingua e poder na sociedade brasileira.
Henrique Monteagudo
Profesor titular de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Secretario do Consello da Cultura Galega e codirector da revista galega de pensamento Grial. É autor, entre outras, da obra Historia social da lingua galega.
José del Valle
Profesor titular no programa de Linguas e Literaturas Hispánicas e Lusobrasileiras na City University of New York (CUNY). Autor, entre outros traballos, de The battle over Spanish between 1800 and 2000.
Gabriel Rei-Doval
Profesor titular de sociolingüística hispánica na Universidade de Wisconsin-Milwakee (EE UU). Coautor do Mapa Sociolingüístico de Galicia. Codirector da lista de discusión do González-Millán Group for Galician Studies. Coeditor, entre outras obras, do Manual de ciencias da linguaxe.
PROGRAMA:
9.30: Acto de apertura.
10.00: Marcos Bagno (Universidade de Brasilia): Norma lingüística e ideoloxías.
12.00: Henrique Monteagudo (Universidade de Santiago de Compostela): Normalización lingüística: identidade e diversidade.
16.00: José del Valle (City University of New York): O español como problema ideolóxico: os límites do panhispanismo e o policentrismo lingüísticos.
18.00: Gabriel Rei-Doval (University of Milwakee): O purismo lingüístico, unha doenza superable?