I DIÁLOGOS LITERARIOS DE MARIÑÁN

2 – 6 xuño 2004

Os participantes

Bieito Iglesias
Bieito Iglesias naceu en Ourense no ano 1957. Estudiou Xeografía e Historia na Universidade de Santiago e actualmente é profesor de Lingua Galega nun centro público compostelán. Deuse a coñecer como narrador en 1988, obtendo o premio Modesto R. Figueiredo de relato breve. A continuación publicou Aventura en Nassau (1991), Vento de seda (1992) e Miss Ourense (1994), libros que chamaron a atención de críticos e lectores. O mesmo ocorreu con Bajo las más bellas estrellas (2000), novela en castelán coa que gañou o Premio Ciudad de Salamanca e con A noite das cabras do aire, galardoada en 1999 co Premio Merlín de literatura xuvenil. Despois publicou O mellor francés de Barcelona (2000, Premio da Crítica), A vida apoteósica (2001), A historia escríbese de noite (2001, Premio García Barros ) e, moi recentemente, Amor e música lixeira (2004). Bieito Iglesias tamén é o traductor, xunto con Manuel Vázquez, das versións galegas das novelas e relatos de Arthur Conan Doyle agrupados na Biblioteca Sherlock Holmes. Outra faceta importante do seu traballo literario é o xornalismo, que cultiva actualmente en ‘Tempos Novos’ e ‘A Nosa Terra’ e polo que recibiu neste mesmo ano o Premio Blanco Torres de xornalismo literario e de opinión que convoca a Universidade de Santiago de Compostela.


Javier Alfaya

Javier Alfaya naceu en Baiona (Pontevedra) no ano 1939. Destacado xornalista, traballou en revistas referenciais da oposición antifranquista, como ‘Triunfo’ e ‘La calle’, ademais de colaborar habitualmente en publicacións como ‘Ínsula’, ‘Revista de Occidente’, ‘Cuadernos para el Diálogo’, ‘Letra Internacional’, ‘El País’ e ‘El Mundo’. Alfaya é autor das novelas Eminencia (Alfaguara, 1993), Leyenda (Alfaguara, 1997), Una luz en la marisma (Alfaguara, 1994) e Música en la tarde, de próxima aparición, ademais dos poemarios Transición (1970) e La libertad, la memoria (1984). Recentemente publicou dous ensaios sobre a política, a cultura e a vida cotiá durante o franquismo, Crónica de los años perdidos e La memoria insumisa, este último en colaboración con Nicolas Sartorius. Xunto a súa dona, Barbara MacShane, Alfaya levou a cabo durante moitos anos un importantísimo labor de traducción ao castelán de autores clave das letras universais contemporáneas, como Joseph Conrad, Ernest Hemingway, Graham Greene, Isak Dinesen, Nadine Gordimer, Iris Murdoch ou Wole Soyinka, entre outros. Melómano apaixonado, Alfaya preside actualmente a Fundación Scherzo.

Antón Baamonde
Antón Baamonde (Vilalba, 1959) é profesor de Filosofía e un dos máis destacados renovadores do ensaísmo galego actual. Publicou o seu primeiro libro, A favor da esperanza, en 1987. Viñeron despois O marxismo e as linguaxes (Galaxia, 1989), Sobre o tempo e outros desatinos (Galaxia, 1991), Catro ensaios sobre a esquerda nacionalista (Sotelo Blanco, 1992) e A rosa sen porque (Galaxia, 1997), este último traducido ao castelán e publicado pola Editorial Pre-textos. En castelán publicou tamén El laberinto y sus salidas (Tecnos, 1998) e La reinvención de España (Ronsel, 2001), un libro de entrevistas con personalidades senlleiras da política e a cultura españolas. O seu libro máis recente é Aire para respirar (Xerais, 2002), un libro a cabalo entre a memoria persoal e o ensaio político sobre o pasado inmediato de Galicia. Antón Baamonde é membro do Foro ‘Luzes de Galiza’ e coautor dos diferentes manifestos que esta entidade leva feitos públicos.

Lola Beccaria
Naceu en Ferrol en 1963. É doutora en Filoloxía Hispánica e traballa como lingüista na Real Academia Española. Exerce a crítica literaria no suplemento ‘ABC Cultural’ e colabora con artigos e relatos en outras moitas revistas e xornais. Iniciouse como novelista coa publicación de La debutante (Alba, 1996), que foi seguida por La luna en Jorge (2000), finalista do Premio Nadal dese ano. Recentemente viu a luz Una mujer desnuda (2004) publicada por Anagrama. No ámbito filolóxico, Lola Beccaria foi a descubridora e editora de El otomano famoso (Áltera, 1996), unha peza dramática de Lope de Vega que se daba por perdida.

Marilar Aleixandre
Marilar Aleixandre naceu en Madrid en 1947 e vive en Galicia dende o ano 1973. Estudiou Bioloxía e na actualidade é profesora de Didáctica das Ciencias na Universidade de Santiago de Compostela. Aínda que empezou a publicar en 1989, ano no que viu a luz A formiga coxa, unha novela para nenos, o seu historial literario é moi amplo e nel altérnase a narrativa para adultos coa poesía e os libros para nenos. Entre os seus libros máis destacados figuran Tránsito dos gramáticos (Xerais, 1993), A expedición do Pacífico (Xerais, 1994; Premio da Crítica), Lobos nas illas (Xerais, 1996), A compañía clandestina de contrapublicidade (Galaxia, 1998; Premio Álvaro Cunqueiro) e Catálogo de venenos (1999; Premio Esquío de Poesía). Mención aparte merece a súa obra para nenos, pola que obtivo recoñecementos como o Premio Rañolas por O trasno de Alqueidón (1996). Como traductora publicou A caza do Carbairán (Xerais, 1997), de Lewis Carroll, obra pola que foi incluída na Lista de Honra do IBBY, e Harry Potter e a pedra filosofal (Galaxia, 2000), de J. K. Rowling. Varias das súas novelas e relatos están traducidos ao castelán e a outros idiomas.

Ramón Loureiro
Ramón Loureiro naceu en Fene en 1965. Actualmente traballa como xornalista no diario ‘La Voz de Galicia’, ademais de cultivar a fotografía e a literatura. Neste ámbito creativo publicou a súa primeira obra, a novela curta Morgado (O Castro, 1997). A súa revelación produciuse con O corazón portugués (Galaxia, 1999), unha novela situada no universo imaxinario da Terra de Escandoi, que foi proclamada finalista na terceira edición do Premio ‘Carlos Blanco’ de Narrativa Galega e Portuguesa convocado polo Eixo Atlántico e a Asociación Galega de Editores. Loureiro é autor tamén de varios libros de fotografía. O seu título máis recente é Carlos Casares (A Nosa Terra-Fundación Carlos Casares, 2003).

Bernardo Atxaga
Seudónimo de Joseba Irazu, nacido en Asteasu (Guipúzcoa) no ano 1951. Poeta e novelista en lingua vasca, Atxaga publicou o seu primeiro libro de poemas, Ziutateak (As cidades) en 1976, e dous anos máis tarde Etiopía, polo que lle foi concedido o Premio da Crítica. Durante as dúas últimas décadas publicou máis de vinte libros de literatura infantil e xuvenil, realizou guións radiofónicos, escribiu obras teatrais e letras de cancións. Os seus maiores recoñecementos literarios chegáronlle a través das súas novelas, traducidas a varios idiomas. A primeira foi Bi anai (1985, Premio da Crítica). Con Obabakoak (Ediciones B, 1988) obtivo o Premio da Crítica, o Premio Euskadi e o Premio Nacional de Literatura. A esta novela, que outorgou á súa obra proxección internacional, seguírona logo El hombre solo (Ediciones B, 1994) e Esos cielos (Ediciones B, 1996).

Manuel Rivas
Manuel Rivas naceu na Coruña en 1957. Periodista, novelista, ensaísta e poeta. Colaborador en diversos medios de comunicación galegos e españois, é probablemente o escritor galego máis coñecido internacionalmente e tamén no seu propio país. Rivas empezou escribindo poesía, xénero que nunca abandonou e no que produciu títulos como Libro de Entroido (1979), Balada nas praias do Oeste (1985), Mohicania (1987) ou Ningún cisne (1989), todos eles recollidos na compilación Do descoñecido ao descoñecido (Espiral Maior, 2003). Como narrador publicou Todo ben (Xerais,1985), Un millón de vacas (Xerais, 1989, premio da Crítica), Os comedores de patacas (Xerais, 1991), ¿Que me queres, amor? (Galaxia, 1996, Premio Torrente Ballester e Nacional de Narrativa), O lapis do carpinteiro (Xerais, 1998), Ela, maldita alma (Galaxia, 1999), A man dos paíños (Xerais, 2000) ou As chamadas perdidas (Xerais, 2002), entre outros títulos. Rivas é tamén autor de celebrados libros xornalísticos, como Galicia, el bonsai atlántico; El periodismo es un cuento e Galicia, Galicia.

Antón Riveiro Coello
Naceu en Xinzo de Limia, no ano 1964. Cursou estudios de Dereito na Universidade de Santiago e actualmente traballa na administración autonómica. Riveiro Coello é un dos narradores máis premiados dos xurdidos na literatura galega durante a pasada década. Ademais dun gran número de relatos en libros colectivos e revistas literarias, ten publicadas as novelas Valquiria (1993, Premio Camilo José Cela), A historia de Chicho Antela (1997), A quinta de Saler (Galaxia, 1999), As rulas de Bakunin (Galaxia, 2000, Premio García Barros) e A esfinxe de amaranto (Galaxia, 2003), así como as recompilacións de relatos Parque Central (1996) e Airadas de palabras (1998), onde se recollen os seus contos premiados nos certames Manuel Murguía e Modesto R. Figueiredo entre os anos 1991 e 1997. Con Animalia (Galaxia, 2000) obtivo o premio Café Dublín de relato breve.

Nélida Piñón
Nélida Piñón naceu en Río de Janeiro no ano 1937. Licenciada en Filosofía pola Universidade de Columbia, actualmente é profesora da Universidade de Miami. A súa fascinación pola palabra e a literatura venlle da súa infancia e da súa familia galega, emigrantes orixinarios de Cotobade, na provincia de Pontevedra, lugar onde Nélida pasou algúns veráns na súa nenez. Debutou como novelista en 1961 con Guía, obra á que seguiron Fundador (1969), A casa da Paixao (1972), Sala de armas (1973), Tebas do meu coraçâo (1974), A força do destino (1977), O calor das coisas (libro de relatos, 1980), A república dos sonhos (1984) e A doce cançâo de Caetana. Nélida Piñón foi ata hai pouco, e dende 1996, presidenta da Academia Brasileira das Letras, sendo a primeira muller do mundo que preside unha institución deste tipo. A escritora brasileira está en posesión do Premio Juan Rulfo (1995), do Premio Internacional Menéndez Pelayo (2003) e do Premio Príncipe de Asturias das Letras (2004). A súa obra está traducida ás principais linguas do mundo.

Luís González Tosar
Luís González Tosar naceu en Bos Aires en 1952. Fillo de emigrantes, trasládase definitivamente a Galicia en 1969. Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, na actualidade é profesor de lingua e literatura galega nun instituto compostelán. Foi fundador e director da revista ‘Dorna’, publicada pola Universidade de Santiago de Compostela. Polo seu primeiro libro, A caneiro cheo (Galaxia, 1985), recibiu o Premio Esquío de poesía e o Losada Diéguez de creación literaria, xunto ao recoñecemento unánime da crítica. Remol das travesías (Galaxia, 1989), foi merecedor do Premio da Crítica Española. Outros libros seus son Seis cánticos labrados co recordo de seis cidades mouras (Grial, 1986), Campás de Recalada (El Correo Gallego, 1992) e Coa forza da palabra (El Correo Gallego, 1993). En Madeira do meu canto/Madera de mi canto (Visor, 1998), aparecido en edición bilingüe, reuniu o primeiro ciclo da súa obra poética. Pere Gimferrer prologou a traducción catalana da súa poesía. En Estación Marítima (Galicia en el Mundo, 1996), recolle unha colección de relatos e lembranzas coa diáspora galega como fondo. Na actualidade, González Tosar é presidente do PEN Clube Internacional de Escritores de Galicia.

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá naceu en Miguelturra (Ciudad Real) en 1947. É enxeñeiro de Telecomunicacións e un dos autores máis populares e prolíficos da literatura galega. Entre os seus libros figuran os libros de relatos Voltar (Galaxia, 1972), A Fundición (Edicións do Castro, 1978), O Larvisión e outros relatos (Xerais, 1984), Los Angeles Flash (Xerais, 1989), Contos das Américas (Xerais, 1992), Contos do Impaís (Xerais, 1992). Algunhas das súas novelas máis importantes son A Nosa Cinza, Fábula, Nos Pagos de Huinca Loo, Fumes de Papel, Cárcere Verde, Latitude Austral, Alén da desventura e Entre fronteiras, acabada de publicar e que é a primeira parte da triloxía Evanxélica memoria. Tamén escribiu os libros de viaxes Arxentina, Viaxes no país de Elal e La Habana flash. Traduciu ao galego A Illa do tesouro, de Robert L. Stevenson, e Un estudio en escarlata, de Arthur Conan Doyle. Colabora habitualmente en ‘La Voz de Galicia’.

Luis Suñén
Luis Suñén naceu en Madrid. O seu nome está estreitamente vencellado á historia editorial española dos trinta últimos anos, tempo no que dirixiu prestixiosas editoriais como Alfaguara, Alianza e Espasa-Calpe. Crítico literario, poeta e xornalista, Suñén é actualmente director da revista musical “Scherzo”.


Darío Villanueva

Darío Villanueva naceu en Vilalba (Lugo) no ano 1950. É doutor en Filoloxía Hispánica e Catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade de Santiago de Compostela, institución da que foi Reitor entre 1994 e 2002. Autor dunha amplísima obra científica, entre a que destacan libros como Estructura y tiempo reducido en la novela (1977), El polen de ideas (1991) e Teorías del realismo literario (1992), esta último traducido tamén ao inglés, así como as súas edicións e estudios de escritores como Emilia Pardo Bazán, Gustavo Adolfo Bécquer, Pío Baroja, Ramón del Valle-Inclán, Camilo José Cela e Rafael Dieste. Villanueva é membro dos padroados da Fundación Camilo José Cela, da Fundación Gonzalo Torrente Ballester e da Fundación Carlos Casares.

Damián Villalaín
Damián Villalaín naceu en Vigo no ano 1958. Foi Director do Centro Dramático Galego e Subdirector da Editorial Galaxia. Foi Director da Fundación Carlos Casares dende a súa constitución, no anoNa actualidade dirixe a Fundación Carlos Casares.

PROGRAMA:

3 XUÑO, XOVES:

10.00 – 11.00: Localismo e cosmopolitismo en literatura
Javier Alfaya
Bieito Iglesias
Modera: Antón Baamonde

javier_alfaya.jpg

Javier Alfaya

bieito_iglesias.jpg

Bieito Iglesias

anton_baamonde.jpg

Antón Baamonde

11.30 – 13.00: Quenda de intervencións

13.30: Acto de inauguración
Salvador Fernández Moreda (Presidente da Deputación de A Coruña)
Celestino Poza (Deputado de Cultura da Deputación de A Coruña)
María del Carmen García Campelo (Directora Xeral de Promoción Cultural)
Teresa Porto Pedrido (Directora da Fundación Caixa Galicia)
Kristina Berg (Presidenta da Fundación Carlos Casares)

inauguracion_porto_berg_fdezmoreda_gcampelo_poza.jpg

T. Porto, K. Berg, S. Fernández Moreda, Mª C. Rodríguez Campelo, C. Poza

17.30 – 18.30: Os escritores e as súas mediacións
Lola Beccaria
Marilar Aleixandre
Modera: Ramón Loureiro

lola_beccaria.jpg

Lola Beccaria

marilar_aleixandre.jpg

Marilar Aleixandre

ramon_loureiro.jpg

Ramón Loureiro

19.00 – 20.30: Quenda de intervencións

4 XUÑO, VENRES

10.30 – 11.30: Raíz e desarraizamento: os escritores e as patrias
Bernardo Atxaga
Manuel Rivas
Modera: Antón Riveiro Coello

bernardo_atxaga.jpg

Bernardo Atxaga

manuel_rivas.jpg

Manuel Rivas

riveiro_coello.jpg

Antón Riveiro Coello

12.00 – 13.30: Quenda de intervencións

17.00 – 18.00: Literatura e memoria
Nélida Piñón
Luís González Tosar
Modera: Xavier Alcalá

nelida_pinon.jpg

Nélida Piñón

luis_g_tosar.jpg

Luís González Tosar

xavier_alcala.jpg

Xavier Alcalá

18.30 – 20.00: Quenda de intervencións

5 XUÑO, SÁBADO

10.30 – 11.30: De Gutenberg a internet: ¿qué vai ser da literatura?
Luis Suñén
Darío Villanueva
Modera: Damián Villalaín

luis_sunen.jpg

Luis Suñén

dario_villanueva.jpg

Darío Villanueva

damian_villalain.jpg

Damián Villalaín

12.00 – 13.30: Quenda de intervencións

16.30: Faladoiro: Carlos Casares: o escritor, o amigo

18.30: Acto de clausura