Mañá, venres 19 de setembro, ás 10.30 horas, na Sede da Fundación Carlos Casares, presentaranse aos medios de comunicación os VI Encontros de Mondariz-Balneario, que este ano van tratar as distintas perspectivas políticas, militares e socioeconómicas de América Latina.  Os Encontros, que este ano contan coa Presidencia de Honra da SM El-Rei Xoán Carlos I, celebraranse os días 23, 24 e 25 de setembro no Hotel Balneario de Mondariz, están organizados pola Fundación Carlos Casares en colaboración coa Fundación Caixa Galicia, a S.X. de Política Lingüística, a Consellaría de Cultura e Deporte, a Deputación Provincial e o Ministerio de Cultura.  Entre os convidados este ano aos “VI Encontros de Mondariz-Balneario” está José Vidal-Beneyto, que falará das políticas neoliberais en América Latina, na conferencia pública.  Ademais, os Encontros contarán coa presenza do politólogo Jorge Verstrynge, dos xenerais en xefe de Chile –Juan Emilio Cheyre– e de Nicaragua –Javier Alonso Carrión–, do ensaísta cubano Iván de la Nuez e do xornalista peruano Luis Esteban González Manrique.  

Os Encontros non deixan de lado a importancia da perspectiva galega sobre América Latina, polo que tamén figuran como relatores Pedro Puy Fraga e mais Xosé Carlos Arias.