O profesor Cuenca nun momento da súa conferencia

O ocio é unha experiencia humana integral, un fenómeno social e un dereito humano fundamental. Con esta definición rematou a súa conferencia o profesor Manuel Cuenca Cabeza, onte martes, no Centro Social Caixanova (Vigo), dentro do V Ciclo Vigo: nós e a cidade, organizado pola Fundación Carlos Casares e patrocinado por Caixanova e a SX de Política Lingüística, que este ano se centra no tema “Axentes, tempos e espazos para a creación e a difusión cultural”.

Nunha clara e amena charla, que acompañou cunha presentación, o profesor Cuenca comezou debullando as funcións do ocio: alén das económicas, tan evidentes, e das persoais, que reforzan a nosa identificación, detívose un momento nas funcións sociais, hoxe capitaneadas polo consumo. A compra, por exemplo, que sen limitarse a adquirir algo é a actividade que ocupa a maior parte do ocio contemporáneo.

Manuel Cuenca dirixe na Universidade de Deusto (Bilbao) o Instituto de Estudios de Ocio (Aisiazko Ikaskuntzak) único centro investigador destas características no Estado Español. Dende 1988, unha das súas liñas de traballo é o ocio como experiencia, un punto de vista que empata coa novísima Economía da experiencia, teorizada por James H. Gilmore e Joseph B. Pine (1999). Esta e outras liñas son abordadas cun enfoque harmónico, interdisciplinario e transdisciplinario, traballo en equipo e internalización.

Hai tres grandes retos do ocio para o século XXI: un deles é pasar da “ollada no cidadán” á “ollada dende o cidadán”. A infraestrutura non resolve a necesidade, dinos o profesor Cuenca, porque a necesidade non reside na estrutura senón na xente. Un segundo reto é o coñecemento: coñecer ben os beneficios e as barreiras do ocio, coñecer tamén as posibilidades e límites de cada quen, e resolver a carencia de profesionais. E o terceiro, acadar un ocio inclusivo e integrado, recoñecendo a diferencia, como dereito e como satisfacción de necesidades. Os tres retos que nos separan do ocio humanista, onde o ser humano volva a ser o centro.

Precisamente a caracterización do ocio humanista ocupou parte do animado debate que seguiu á exposición de Manuel Cuenca. Os tres humanismos: o cristián, o marxista e o liberal que, sen dúbida, integrarían o concepto. Tamén o condicionamento ideolóxico do ocio foi subliñado por un dos participantes. Un condicionamento que non debería ter, nin sequera hai necesidade de telo, en opinión do profesor Cuenca. Resultou unha conferencia excelente, clarificante, seguida dunha tertulia ben mantida.