A visita a un museo é unha das experiencias máis gratificantes das que poidamos obter dun ocio ben utilizado. Alí recibimos información, coñecemento e beleza a través de todos os sentidos. As salas, ata os seus recunchos máis apartados, están pensadas para recibirnos e manternos nun ambiente libre de calquera influencia allea á peza ou colección que nos queren mostrar.
Nos últimos vinte anos os museos convertéronse en lugares de encontro, de contacto coa arte, coa ciencia, e tamén coa xente, unha vez transcenderon o seu papel de almacén de obxectos vellos e solemnes, máis ou menos valiosos, algúns dos cales se mostraban ao público dende a altura inacadable da peana ou na frialdade da vitrina. Os museos son agora outra cousa, procuran imbricarse no tecido urbán, estar abertos ao latexo da cidade que os alimenta.
Sobre esta unión entre museo e cidade debateron, onte xoves, os responsables dos cinco centros museísticos máis importantes de Vigo: Iñaki Martínez Antelo (MARCO), Rosendo Covelo (Verbum-Casa das palabras), Pablo Carrera (Museo do Mar de Galicia), José Ballesta (Museo Municipal de Vigo “Quiñones de León”) e mais Guillermo Brea (Naturnova – O. S. Caixanova). Foi a terceira sesión do V Ciclo de Conferencias e Debates “Vigo: nós e a cidade”, coordinado por Manuel F. Vieites. A a primeira vez, como salientaron algún dos participantes, que se vían convocados á mesma mesa.
Cada un dos inivitados comezou expoñendo a xénese e o devir dos seus centros. Dispares nas orixes pero concordantes nas metas: dende o Museo Municipal de Vigo “Quiñones de León”, inaugurado en 1937 (en plena Guerra Civil), ata o Verbum-Casa das Palabras, que este ano vén de cumprir 5 anos, procuran a preservación e a comunicación do noso patrimonio. Do que é local e do que vai e vén polo mundo, que no fondo é o mesmo, ou é que algunha vez o local non veu de fóra?, en tránsito permanente cara outras xeografías. Só así podemos entender que todos os museos da cidade son a mesma cousa e deben respirar acompasados, sexa arte, ciencia, palabra ou memoria o que nos queren mostrar.