O martes día 21 quedou aberto o II Ciclo Ciencia e Sociedade, organizado pola Fundación Carlos Casares e patrocinado pola Fundación Caixa Galicia, que conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Este ano vai dedicado ao tema A clonación na actualidade e as súas implicacións e celebrase, como a anterior edición, na Sede Fundación Caixa Galicia de Vigo, en Policarpo Sanz, 21.
A primeira sesión correu a cargo da doutora Carolina Martínez Pulido, profesora titular de Bioloxía Vexetal da Universidade de La Laguna (Tenerife), que falou de “Éxitos, fracasos e fraudes na historia da clonación”. A relatora, especialista en Bioloxía Evolutiva con sólida formación en historia da Bioloxía, aclarou os pasos que conduciron ao estado actual dos estudos sobre clonación: dende os pioneiros August Weismann (1834-194), Wilhem Roux (1850-1924) e Hans Driesch (1867-1941), que estableceron as bases da Embrioloxía experimental, ata os resultados do Instituto Roslin (Escocia) que da man de Keith Campbell e Ian Wilmut conseguiron en 1996 o primeiro clon dunha ovella.
A disertación da doutora Martínez Pulido tivo como fío condutor a hipótese de Weismann: as células xerminais (gametos) do embrión son as únicas que levan o xogo completo de “potencial” hereditario, mentres que cada célula somática contén só a parte deses “potenciais” necesaria para a súa función. O que viña a dicir o biólogo alemán era que as células que forman cada un dos tecidos dos seres vivos eran o resultado da expresión dos xenes específicos para eses tecidos. Unha vez diferenciadas cada tipo de células, só conservaban activos nos seus núcleos os xenes respectivos, degradándose ou desactivándose os outros, por innecesarios. Se a hipótese de Weismann fose certa, sería imposible conseguir a ovella Dolly. Foi moi ilustrativo como a relatora desgranou os sucesivos avances experimentais como etapas na refutación da correosa hipótese de Weismann quen, por certo, non fixo un experimento na súa vida.