O pasado xoves 23 rematou o II Ciclo Ciencia e Sociedade: A clonación na actualidade e as súas aplicacións, que se viña celebrando dende o martes 21, baixo a coordinación do profesor Daniel Soutullo, na Sede Fundación Caixa Galicia, entidade patrocinadora. As dúas últimas conferencias correron a cargo dos doutores Lluís Montoliu José, director do Laboratorio de Bioloxía Molecular do CNB (Centro Nacional de Biotecnoloxía), e Lydia Feito Grande, profesora de Ética na Universidade Rei Xoán Carlos de Madrid. O doutor Montoliu dedicou a súa exposición Biotecnoloxía animal e clonación, a mostrar os logros da clonación animal: obtención de individuos transxénicos e mutantes, e rescate de especies ameazadas de extinción; mais tamén as dificultades para avanzar: a limitación da clonación ás ratas e á transferencia nuclear en porcos. Tamén chamou a atención sobre o papel retardador do fraude no avance da investigación. Sobre isto, recordou o vergonzoso caso do científico coreano Woo Suk Hwang (2005), que publicou ter clonado células embrionarias humanas.
A obtención de células iPS (induced Pluripotent Stem cells) ou células somáticas reprogramadas e convertidas en embrionarias, foi outro dos puntos tratados extensamente polo doutor Montoliu. A súa importancia é enorme, pois de conseguirse a súa produción estandar remataría o debate ético que hoxe mantemos arredor das células embrionarias, por innecesarias. Finalizou a súa intevención coa noticia dun traballo de Kevin Eggan e outros, aparecido na edición de agosto pasado da revista Science, sobre a obtención de células iPS de doentes con ALS (Esclerosis Lateral Amiotrófica), de idades avanzadas, que foron logo diferenciadas en neuronas motoras.
A doutora Lydia Feito alertou na súa intervención, Ética e clonación, contra a publicitación frívola ou interesada dos resultados e aplicacións da clonación, como se adoita a ver na prensa con demasiada frecuencia. É doado manter un comportamento natural neste tema, basta con “non crear falsas espectativas nen medos infundados”. É lóxico, salientou, que a xente sinta un certo desacougo diante da capacidade de modificación e intervención científica e tecnolóxica que temos. Os cambios que se producen ou poden producirse xa non son só cuantitativos, senón tamén cualitativos.
O enfoque da doutora Feito resultou dabondo ilustrativo, pois non se limitou a unha exposición dos puntos chave do debate ético sobre a clonación, dende onde se defende a súa maldade ou bondade absolutas, senón que deunos sinxelas ferramentas para poder abordar con naturalidade os grandes argumentos, que con frecuencia adoitan vestir palabras requintadas e apoiarse en conceptos máis febles do que parecen.