Iñaki López de Aguileta nun momento da súa intervención

Deste xeito titulou Iñaki López de Aguileta, director da Área de Cultura do Concello de Bilbao, a súa conferencia de onte martes, no Centro Social de Caixanova en Vigo. Fai a terceira das cinco programadas no II Ciclo de Conferencias e Debates Vigo: nós e a cidade, organizado pola Fundación e patrocinado por Caixanova, que este ano xira arredor do tema Axentes, tempos e espazos para a creación cultural. López de Aguileta dividiu a súa exposición en tres partes: unha primeira de revisión histórica, “Do centro cívico ao Guggenheim”, na que percorreu a inmensa distancia que nos separa do ano 1979; outra de carácter programático na que propuxo un modelo equilibrado de política cultural municipal,  e a terceira, de signo analítico, na que salientou os retos a superar no presente inmediato.

Na breve revisión histórica, o conferenciante foi lembrado os diferentes fitos que marcaron a cultura municipal dende o paradigma da Animación Sociocultural, aló por 1979, caracterizado polo voluntarismo, as convulsións da transición e as Casas de Cultura, que deu paso, nos anos 80, á expectacularización da actividade cultural. A asunción do novo paradigma da xestión levounos as macro montaxes dos anos 90: a Expo 92 de Sevilla e máis a Olimpiada de Barcelona. Daquí ao esplendor do titanio houbo un paso pequeno para o xestor pero enorme para a cultura municipal: a conversión do gasto en inversión.

López de Aguileta debuxou, de seguido, unha proposta de liñas estratéxicas que marcarían un modelo equilibrado de xestión municipal: balanzo entre centralidade (grandes eventos) e proximidade (participación); actuar globalmente (non abusar das Artes); apoio á produción (ás fábricas culturais); asumir a difuminación de lindes entre ocio e cultura; tender a man ao sector privado e promover o local.

Ao enumerar os retos que hai que enfrontar, López de Aguileta non fuxíu do concepto de crecemento sostible (Axenda 21), como garante dunha racionalidade que se perde con demasiada frecuencia. Tamén salientou a necesidade de invertir en infraestruturas e na obriga que teñen os xestores municipais de repensar o papel do “público” e se cadra considerar as posibles vantaxes da gobernanza cooperativa.