Román Raña, Miguel-Anxo Murado e Damián Villalaín

O día 20 de novembro, que foi xoves, recibimos na nosa sé ao escritor Miguel Anxo Murado, no marco das conversas do Café Voltaire, onde explicou a xénese do seu libro Fin de século en Palestina (Galaxia, 2008) e dialogou con Damián Villalaín e Román Raña antes de iniciar un estimulante coloquio co público presente. O libro, que relata con galanura, certo humor e, sobre todo, con claridade a dramática situación do pobo palestino nos territorios ocupados, sitúase entre a crónica e a literatura, segundo coincidiron os invitados. Non pretendeu Murado facer periodismo porque daquela non se consideraba periodista, precisou, tan só “un burócrata das Nacións Unidas que se encargaba das relacións externas da Autoridade Palestina.

Tanto Román Raña como Villalaín salientaron a doada lectura dun texto que, polo seu carácter, pode resultar incómodo de contar e difícil de escribir. Fuxir da asepsia ao mesmo tempo que da implicación militante non é doado. Tampouco o é tecer fíos de humor na ríspida tea de saco do conflito palestino-israelí. Como confesou Murado, costoulle dar coa estrutura do discurso, mais conseguiu dominar o pudor e construír un texto onde as pequenas desgrazas da vida diaria (o coche que non marcha, o teléfono que non vai) funcionan coma unha metáfora da dramática situación dun pobo de incerto futuro. Decenas de miles de vidas que transcorren sen os dereitos máis elementais, unha situación que escritor comparou coa vivida en Sudáfrica nos tempos de apartheid . En Palestina, a simple concorrencia a unha voda que se celebre a vinte quilómetros supón un gravísimo problema coa autoridade militar israelí. Disto e de moito máis falouse, con total liberdade, esoutrodía na sé da Fundación, ata ás dez da noite. Aquí é algo normal. Logo mesmo fumos tomar uns viños ao lado.