Coa conferencia o día 27 de novembro do catedrático de Pedagoxía Social da USC, José Antonio Caride, Cultura, participación e democracia, deuse por rematada a 5ª edición de Vigo: nós e a cidade, ciclo de conferencias e debates que este ano se dedicaron a reflexionar sobre Axentes, tempos e espazos para a creación e a difusión cultural. Baixo o patrocinio de Caixanova e no marco da Sala de Conferencias do seu Centro Social de Policarpo Sanz, tiveron lugar durante cinco semanas, dende o 16 de setembro, data da conferencia de presentación a cargo do profesor Héctor Pose Porto. Durante este tempo realizáronse cinco conferencias que impartiron profesores das universidades de Santiago, Deusto e A Coruña, e profesionais da xestión cultural de Bilbao e Madrid. Ao seu aveiro desenvolvéronse seis mesas redondas polas que pasaron máis de vinte convidados, expertos nos campos da museoloxía, os foros, a radio e a televisión, a prensa escrita, a música e o teatro. Todas as facetas do complexo espectro cultural de Vigo foron enfocadas dende a perspectiva emprendedora privada, mais tamén dende a xestión municipal.
A última mesa redonda do ciclo, e penúltima actividade, reservouse para abordar o tema dos Espazos para as artes escénicas. Foi o martes 25 e reuniu a Roberto Cordovani (Teatro Arte Livre), Pedro Fresneda (Teatro Ensalle) e mais Manuel F. Vieites (director da ESAD) e tivo como moderador de excepción ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que, fóra de programa, accedeu a estar presente nun debate de importancia para a cidade. Ningún dos catro invitados dafraudou á audiencia, comenzando por Abel Caballero, que introduciu o tema recordando o escenario no que estamos actuando: retraso nas infraestruturas culturais da cidade, que non conseguiron acadar o nivel perseguido, e unha política pública municipal que foi deixando a xestión cultural nas mans doutras instancias, meritorias, por suposto, como Caixavigo no seu momento, hoxe Caixanova, en vez de asumir a súa responsabilidade. Así mesmo, salientou a realidade dun próximo auditorio mixto público-privado, o único de Galicia que nace cunha limitación semellante, unha rémora para o desenvolvemento dunha óptima política cultural municipal.
Tanto Cordovani como Fresneda explicaron a súa aposta inicial por Vigo, precisamente por ser daquela unha cidade con escasa vida teatral e, polo tanto, cunha gran potencialidade. Hoxe poden dicir que acertaron e ambas propostas conseguen manter unha carteleira de calidade. Detrás está a formación calada e o esforzo diario: o actor que estuda, practica, experimenta, observa e é observado. Desto tratou Manuel F. Vieites, despregando o proxecto da Escola Superior de Arte Dramática, ESAD, o plan de estudos, os proxetos das novas instalacións -o novo edificio e mais o Teatro Carlos Casares anexo a el- e a experiencia actual no Instituto de Educación Audiovisual de Bouzas, que comparten temporalmente.
Formación, esforzo e goce “no marco de políticas culturais democráticas e participativas, non só no espazo senón tamén no tempo”, como salientou o profesor Caride na conferencia de clausura, “unha educación na diversidade, no respeto, para unha democracia de actores, non só de público”. Así foi.