O pasado sábado día 29 celebrouse en Ourense a cea homenaxe a Marcos Valcárcel, despois da presentación, no Liceo, do seu  último libro sobre a Cidade das Burgas. A Fundación estivo representada na cea pola súa presidenta, Kristina Berg, que ocupou cadeira na mesa principal. A continuación, publicamos as palabras que dedicou a Marcos Valcárcel no turno de discursos:

Hoxe estánse a dicir moitas cousas sobre Marcos, pero dubido que entre todas consigan dar máis ca unha imaxe aproximada da súa valía e do seu gran corazón. Para quen, coma min, o teña tratado desde tan perto e desde hai tanto tempo, será máis doado porque gardará na memoria moreas de xestos xenerosos e mostras de cariño recibidos del en momentos tristes, pero tamén en momentos de ledicia. Sempre estaremos obrigados con Marcos. Eu, por suposto, e os meus fillos e a familia Casares Mouriño, polo apoio entusiasta que demostrou na posta en marcha da Fundación que mantén vivo o legado de Carlos, e polo irremplazable traballo que vén despregando desde aquela, hai máis de seis anos, actuando como publicista, asesor e cabeza visible da Fundación Carlos Casares en Ourense.
Aínda esta semana remexía eu no arquivo persoal de Carlos e dei cun feixe de fotos e recortes de periódicos onde está reflectida a relación que ambos, Marcos Varcárcel e Carlos Casares, mantiñan. Unha relación de cariño e recoñecemento mutuo da que eu son unha feliz testemuña. Mesas redondas, conferencias, tertulias, congresos e actos de diversa índole que lles permitían compartir espazos e manteis onde poder mover o mundo, ainda que fose por unhas horas, coa forza simbólica das palabras.

Non debo dicir máis, pois Carlos non deixa de susurrarme anécdotas e recordos sobre ti, Marcos, que eu atrapallaría no relato. Só quero transmitirte as fortes apertas de Damián Villalaín, Gustavo Adolfo Garrido e Xosé Manuel Soutullo que, por motivos familiares, non están aquí para chos dar.

E, pola miña parte e a de Hakan e Christian, entrégoche este retrato de Carlos, patrimonio da familia, para que o gardes como fas coa súa memoria. É un dos tres retratos que lle fixo o amigo Yoyo (Pedro de Llano) en 1994, unha vez que coincidiron nos Estados Unidos. Dous deles seguen a formar parte da exposición itinerante “Os mundos de Carlos Casares”, que ti ben coñeces. Este que che entregamos, xa non, ata que ti queiras. Moitas grazas.”