O pasado venres día 30 de xaneiro inaugurouse a exposición didáctica “O Parlamento de Galicia. 27 anos de diálogo“, organizada polo Parlamento de Galicia e na que colabora a Fundación Carlos Casares. A exposición pretende achegar aos escolares e ao público en xeral a realidade do Parlamento de Galicia como fábrica de valores democráticos e de convivencia. Ao mesmo tempo, tamén se pretende destacar e favorecer as relacións entre o Parlamento e a cidadanía, contribuíndo á proxección social e cultural desta institución.
No acto de inauguración estiveron presentes a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, o secretario da Fundación, Håkan Casares Berg, e mais o comisario da exposición, Xosé Armas. A exposición permanecerá aberta ata finais do presente curso escolar.
A exposición está distribuída en tres salas. Nas dúas primeiras poden verse os audiovisuais “O Parlamento de Galicia na súa historia” e “O Pazo do Hórreo. Sede do Parlamento de Galicia”, e ampliar a información nun punto interactivo, de pantalla táctil, confeccionado pola Fundación Carlos Casares. A terceira sala contén os paneis da exposición, fotografías, pezas e documentos e obras de arte pertencentes ao Parlamento de Galicia. O contido desta sala é unha produción de Melín Comunicación.