Carlos Casares

Hoxe, 9 de marzo, hai sete anos do pasamento de Carlos Casares. Os que tivemos a sorte de coñecelo e compartir algunha hora con el, tanto en persoa como a través da súa columna en La Voz de Galicia, que é como dicir medio país, notamos a súa ausencia de moitas maneiras. Nas conversas cos amigos segue estando presente a través de anécdotas recordadas e lembranzas de vivencias comúns. Nos libros, a súa voz segue falándonos coa mesma forza e confianza coa que el nos falaba nas súas conferencias, nos coloquios e nas tertulias. Isto fai que ás veces parece que nos deixou hai pouco e, outras, que o baleiro é enorme.

A saudade de Carlos Casares foi grande durante estes anos, un período de cambios importantes para o país, pero nos últimos acrecentouse a súa ausencia debido á incertidume económica na que iamos entrando. Agora, máis que nunca, é necesaria a súa visión serena e o seu sentido común para encarar estes tempos difíciles, onde o diálogo, o consenso e a colaboración, permitan que, a partir do sacrificio de posicións propias, agromen as decisións necesarias.

Todos os colaboradores e amigos da Fundación Carlos Casares sentímonos comprometidos e reafirmámonos na conservación e difusión do seu legado cívico: o afianzamento dunha convivencia democrática baseada na tolerancia, o pluralismo e o debate libre ao servizo de Galicia.