Acto solemne de apertura das Xornadas “Ramón Piñeiro na Galicia do século XX”O luns ás 20 horas no Paraninfo da Deputación tivo lugar un acto solemne de apertura das xornadas “Ramón Piñeiro na Galicia do século XX”. No evento participaron, ademais de público en xeral, alcaldes, deputados provinciais, familiares de Ramón Piñeiro, así como unha representación do colexio público de Láncara que leva o nome do intelectual galeguista.

A Presidenta da Fundación Carlos Casares, Kristina Berg, iniciou as intervencións agradecendo ao Presidente da Deputación o patrocinio destas xornadas que, ineludiblemente, se tiñan que celebrar en Lugo como unha homenaxe pendente a esta gran figura do pensamento, da política e das letras que tanta influencia tivo no devir de Galicia.

Henrique Monteagudo, secretario do Consello da Cultura Galega, transmitiu o saúdo de Ramón Villares, presidente da institución que, por razóns de axenda, non puido acudir. Despois dunha breve semblanza de Ramón Piñeiro, subliñou o significado do acto que, segundo el, debería lerse como o recoñecemento de Ramón Piñeiro como personaxe clave na continuidade histórica da cultura galega. Piñeiro, dixo, “idealista case místico, tiña unha visión de futuro profética, combinaba cun carácter extremadamente realista para influír no futuro”

José López Orozco, alcalde de Lugo, afirmou que, con estas xornadas, se pagaba unha débeda coa Fundación, con Carlos Casares e con Ramón Piñeiro. Recordou que coñecera ao intelectual de Láncara por medio de Epifanio Ramos de Castro, no Instituto Juan Montes. Recordou tamén a feliz idea de Piñeiro de petar nas portas de todos os partidos para que as ideas do galeguismo non foran só de un ou doutro, senón de todos para que servisen mellor a Galicia e o seu pobo.

Durante o acto, escoitouse a voz de Piñeiro nunha entrevista á TVG, realizada o mesmo ano da súa morte, 1990, nos corredores do Parlamento de Galicia durante a xornada de constitución da Terceira Lexislatura.

Anibal Piñeiro, irmán do homenaxeado, visiblemente emocionado, deu as grazas a todos por este acto, e por telo sacado adiante para o coñecemento do seu irmán. Acto seguido, Cristina Pernas Pereiro e Javier López Díaz, alumnos do Colexio Público Ramón Piñeiro de Láncara, leron un fragmento dun escrito de Ramón Piñeiro recollido no libro Olladas no futuro (Galaxia, 1974) escrito en 1959: “Factores esenciais da literatura galega” que Ramón Piñeiro dedicou a Nina Epton.

O remate do acto correu a cargo de José Ramón Gómez Besteiro, Presidente da Deputación, que salientou que consideraba axeitada a dedicación do Día das Letras Galegas 2009 a Ramón Piñeiro, e que tiña que ser a propia Deputación de Lugo o que realizara o primeiro acto deste ano de Piñeiro. Glosou tamén a figura do intelectual galeguista e o seu papel no rexurdimento da cultura galega no século XX, tanto pola Fundación Editorial Galaxia, a normalización da lingua galega, como a súa militancia para abrir o galeguismo a todas as forzas políticas.