Público asistente na conferencia de Andrés Torres QueirugaO primeiro día das Xornadas “Ramón Piñeiro na Galicia do século XX”, que se desenvolven na Deputación de Lugo ata o próximo xoves, comezou coa conferencia de Miguel Barros Ramón Piñeiro e o galeguismo, na que explicou o concepto de estado no pensamento de Ramón Piñeiro. Fixo un repaso dos primeiros escritos do galeguista na revista luguesa Yunque, cando a penas tiña 17 anos, e xa opinaba que a política era un instrumento de transmutación do estado estruturado como resultado da forza e alleo á conveniencia dos pobos. Seguiu cos escritos de madurez salientando a evolución dos conceptos de raza en lingua y de estado en pobo, ambos elementos dunha comunidade diferenciada.

A segunda conferencia, Ramón Piñeiro e o nacionalismo galego, correu a cargo de Justo Beramendi. Nela debullou a estratexia de Ramón Piñeiro abordando a figura do galeguista na súa totalidade, dende o principio ata o final, para fuxir da segmentación interesada que, ás veces, se realiza para apoiar as teses duns ou doutros. Definiu o pensamento de Ramón Piñeiro en catro etapas: a primeira delas nas mocidades galeguistas ata a guerra civil; a segunda, dende a posguerra ao ano 49; a terceira, ata a morte de Franco; e a cuarta, dende o inicio da transición á democracia e ata a súa morte. Piñeiro, segundo o profesor Beramendi, tivo unha etapa de nacionalista galego que rematou coa guerra, e outra de galeguista non nacionalista a partir de entón. Para Beramendi Piñeiro, despois de traballar tanto tempo para para defender e manter o nacionalismo virou a súa estratexia para acabar competindo con el”.

Na primeira intervención da tarde, A saudade como metáfora, Carlos Fernández, subdirector das xornadas, esbozou “unha visión externa” do concepto no pensamento filosófico do intelectual de Láncara. Piñeiro herdou a noción de cultura de Otero e Risco, comentou Fernández, pero apuntou a unha dirección diferente, que ve a cultura como unha creación individual. Ramón Piñeiro escolleu a saudade como tema para unha análise externa porque é unha característica da nosa cultura, e porque é “un sentimento que implica universalidade”.

Por último, Andrés Torres Queiruga abordou na súa conferencia O pensamento filosófico de Ramón Piñeiro unha “visión interna” do concepto de saudade, na que Piñeiro vía unha achega orixinal de Galicia á cultura universal. Referiu Torres Queiruga como Piñeiro pretendía separar os conceptos de “saudade” e “morriña”, para logo comparar a “saudade” (en Galicia) cos conceptos de “angustia” (en Europa). Heidegger, subliñou Torres Queiruga, apuntou a existencia de algo máis profundo ca angustia. Piñeiro identificou que a saudade era ese sentimento. A saudade, xunto coa esperanza e a categoría nocional de Amor Ruibal, demostrarían a verdade da visión de Piñeiro, segundo o conferenciante.

As xornadas están organizadas pola Fundación Carlos Casares grazas ao apoio da Deputación Provincial de Lugo.