Miguel Barros, Benxamín Casal e Antón GatoO segundo día das Xornadas comezou coa conferencia de Víctor F. Freixanes, director xeral da editorial Galaxia, titulada Ramón Piñeiro editor, na que pasou revista ao papel de Piñeiro no eido editorial da Galicia da segunda metade do século XX. Nesta época Ramón Piñeiro, xunto con Francisco F. del Riego e Xaime Isla Couto crearon a editorial Galaxia (1950) apoiados pola rede de galeguistas supervivintes do colapso que supuxo a Guerra Civil. Dous fitos históricos marcaron esta etapa: a denuncia da situación do galego diante da Asemblea da UNESCO en Montevideo, en 1954, ao que seguíu a publicación en galego, en 1956, da famosa conferencia do profesor de Friburgo Da esencia da verdade. A estratexia editorial de Ramón Piñeiro, ilustrou Freixanes, era diferente á dos demais editores galegos: ía enfocada á elite, aos novos e aos vellos con sólida formación, “como preparando unha nova xeración cultural que se ía autogobernar”.

Ante a ausencia por motivos de enfermidade de Ramón Máiz, sustituíuse a súa intervención na segunda sesión da mañá, por unha mesa redonda con Miguel Barros, Antón Gato e Benxamín Casal, os tres, deputados do grupo socialista na Primeira Lexislatura do Parlamento de Galicia (1981-1985). O tema da mesa foi a participación dos galeguistas independentes (Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Benxamín Casal e Alfredo Conde) nos inicios da nosa historia parlamentaria. A mesa redonda tivo unha participación moi viva e ilustradora.

Na primeira intervención da tarde, Darío Villanueva tratou o tema As ideas literarias de Ramón Piñeiro. Para o profesor Villanueva o dilema “Ramón Piñeiro filólogo ou filósofo” non ten sentido porque ambos términos non son excluíntes na súa obra. Piñeiro pertence á herdanza xermánica, como case todos os seus coetáneos médicos, académicos, químicos, etc. Unha tradición que se remonta a Johann G. Herder, creador do concepto de Volkgeist (“alma do pobo”). Non obstante, como subliñou Darío Villanueva, Piñeiro era un kantiano auténtico, e para el o importante era a “identidade” en vez da “palabra” (Herder). Finalizou preguntándose ata qué punto Piñeiro fora crítico literario. El construíu unha teoría do autor máis ca unha crítica, como se pode ver nos textos sobre Os eidos (Novoneyra) e Contos da néboa de Ánxel Fole.

Antón Baamonde pechou a segunda xornada coa conferencia Ramón Piñeiro e a política, na que debuxou un Piñeiro inscrito no grupo de galeguistas do interior, supervivintes da desfeita da guerra civil, “rapaces das Mocidades Galeguistas que retoman o labor de reconstruír o partido nunhas circunstancias de férrea dictadura”. Polo tanto, a todos eles hai que atribuírlles solidariamente os éxitos e os fracasos do grupo. Para Baamonde, o perfil das persoas do contorno Galaxia non cadraban co propio das persoas capaces de crear un partido político e mantelo funcionando. Chama a atención, polo tanto, a moita influencia que tiveron durante a transición, “unha influencia debida ao capital moral acumulado, ás necesidades de lexitimación das novas institucións e mais á ausencia de referentes republicanos operantes naquel momento”, en palabras de Antón Baamonde.