O terceiro e último día das Xornadas iniciouse coa conferencia de Henrique Monteagudo Ramón Piñeiro e a língua na que o sociolingüista e secretario do Consello da Cultura Galega esbozou varios fitos que evidenciaban claramente a conciencia lingüística de Ramón Piñeiro: os dous primeiros textos publicados polo galeguista na revista luguesa “Yunke”, canto a penas contaba dezaseis ou dezasete anos; o prólogo ao Cancioneiro de poesía céltica ´de Pokorny (1950); o seu discurso de ingreso na RAG, A linguaxe e as línguas (1967), e mais a polémica mantida con Rodrigues Lapa sobre a natureza do galego literario (1973). “Existe un proxecto de tipo filolóxico na altura de 1956 –salientou o profesor Monteagudo- que logo resultou ser o aplicado con escasas excepcións”.
Xosé Luís Franco-Grande abordou a súa intervención, Ramón Piñeiro nos anos escuros, facendo unha comparación entre Murguía e Piñeiro: “Ambos van ter actitudes similares ao enfrontar as circunstancias adversas do país en cadanseu momento histórico”. Piñeiro procuraba insertar o galeguismo nun mundo “que ía ter unhas características determinadas e moi diferentes das vividas no momento”, subliñou Franco Grande. Así captou a estudantes novos como Rodríguez Mourullo, Ramón Lugrís, López Nogueira e ao propio conferenciante, para ir galeguizando o ambiente na súa loita contra o escepticismo.
Na primeira sesión da tarde, Xerardo Fernández Albor disertou sobre O Ramón Piñeiro que eu coñecín, lembrando as vivencias compartidas co político de Láncara dende a creación de Realidade Galega ao final da I Lexislatura, período no que, malia a precariedade económica da Xunta e do Parlamento, aprobáronse a Lei de Normalización Lingüística e a Lei de Sedes, entre outras básicas para o desenvolvemento do noso autogoberno.
Pechou as Xornadas ante o numeroso público asistente o profesor Xesús Alonso Montero cunha excelente, sincera e emocionada peza de oratoria que titulou Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega. Nela pasou revista aos momentos iniciais da súa relación con Piñeiro, tamén ao momentaneo afastamento del, e aos esforzos e privacións levados polo intelectual galeguista no camiño de cumplir o seu ideario. Especialmente brillante foi o perfil que Alonso debuxou de Piñeiro apartir das máis de cinco mil cartas que o político recibíu durante toda a súa vida.