Luo Jun, Primeiro Secretario da Embaixada da RP China, e Yan Ni, profesora da EOI

Onte luns inaugurouse o Ciclo Oriente Exprés na Escola Oficial de Idiomas de Vigo con numerosa asistencia de alumnos e persoas interesadas nas cultura chinesa e xaponesa.

No acto de inauguración estiveron presentes o Director Xeral de Formación Profesional e Ensino Especial (en funcións), Antonio Vázquez Vázquez; a deputada provincial Francisca Canal; a directora da EOI de Vigo, Cristina González; e o director da Fundación Carlos Casares, Gustavo Adolfo Garrido.

Na primeira intervención do Ciclo, o Primeiro Secretario da Embaixada da República Popular China en España, Luo Jun, disertou sobre a arte culinaria chinesa. Nun país tan extenso e inzado de contrastes, existen múltiples posibilidades gastronómicas manifestadas na combinación ou predominio dun número reducido de sabores: doce, amargo, agrio e picante. Marisco, peixe, legumes, cereais e vexetais mariños dominan un variado abano de pratos onde o postre está ausente e a disposición de mesas e comensais segue un elaborado e rigorosos protocolos con fortes significados sociais.

A mestra Hamasaki nun momento da demostración

A segunda intervención correu a cargo da mestra Michiko Hamasaki, que dividiu o seu tempo en dúas partes: un repaso histórico da caligrafía xaponesa (shodô), constituída polos ideogramas chineses reconvertidos mediante a creación de dous novos silabarios, e unha demostración de caligrafía de gran tamaño. “A arte de escribir -salientou a mestra Hamasaki– é un elemento tradicional nipón que se está perdendo entre os máis novos”, reclamando a beleza da verba escrita como espello da alma que o autor reflicte nos seus trazos. Acto seguido, no recibidor da Escola, escribíu nun papel de 50 metros cadrados o idiograma da verba “soño” e, unha vez rematado, invitou aos espectadores a participar usando tamén os pinceis tradicionais do shodô. A caligrafía manterase exposta durante o resto do Ciclo Oriente Exprés.