A profesora Gladys Nieto na súa conferencia “Diversidade étnica e modernización en China”

A segunda xornada do Ciclo Oriente Exprés , organizado pola Escola Oficial de Idiomas de Vigo (EOI) e co apoio da Fundación Carlos Casares, comezou coa conferencia da profesora Gladys Nieto Martínez da Universidade Autónoma de Madrid (Centro de Estudios de Asia Oriental). Na súa conferencia, tiutlada “Diversidade étnica e modernización en China”, a profesora Nieto fixo un repaso completo á situación sociodemográfica da República Popular Chinesa dende unha dupla perspectiva, sincrónica e diacrónica. No seu relato foi debullando cómo a estratexia xeopolítica levou aos seus dirixentes comunistas de etnia han (maioritaria en China) a organizar un complexo sistema de elección e catalogación de etnias minoritarias co gallo de outorgarlles autonomía no proceso de conformación do estado chinés.

A arbitrariedade na concesión de dereitos e autonomía ás distintas etnias (dereitos que nunca chegaron a callar totalmente, agás en casos concretos) tiña en realidade -explicou a profesora Nieto – un obxectivo estratéxico de afianzamento do territorio e provocou numerosas tensións e desigualdades con outras etnias máis refractarias ás intencións do goberno central. A China actual é, sen dúbida, o resultado dunha modernización nos territorios étnicos, con cambios sociais de diferente causa, migracións masivas cara a costa e unha seria dilución dos compeñentes étnicos.

A profesora Eiko Kishi durante a cerimonia de té
A segunda parte da xornada tivo como protagonista a Eiko Kishi, profesora da Escola Misho-ryu de Ikebana, licenciada en Psicoloxía e máster en Humanidades en Xapón. A profesora Kishi realizou senllas demostracións: “A arte de vestir quimonos”, así como “A cerimonia do té”. Coa axuda de varias alumnas e profesoras da EOI, mostrou tres tipos de quimonos: de verán, de muller solteira e de muller casada (de esquerda a dereita na foto), desentrañando algúns dos seus segredos máis interesantes e resolvendo as dúbidas do público.

Acto seguido, a profesora Kishi realizou unha demostración da cerimonia do té, acompañada por música tradicional interpretada pola profesora Yerma Harada. Nesta cerimonia, os movementos, a concentración e os tempos seguen unha estricta e rigurosa orde marcada pola filosofía Zen no transcurso dos séculos. Despois da cerimonia, seguida por un público que desbordou o Salón de Actos, a profesora Kishi explicou polo miúdo cada un dos seus pasos e os instrumentos utilizados, así como algunhas curiosidades sobre un acto tan protocolario como artístico.