A terceira xornada do Ciclo Oriente Exprés congregou na Escola Oficial de Idiomas a numeroso público interesado no mundo cultural chinés e xaponés. A primeira intervención correu a cargo do profesor Fernando Cid Lucas, licenciado en Filoloxía Hispánica e en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Estremadura (UEX). A súa conferencia, titulada Unha mirada ao teatro clásico xaponés: do Kagura ao Noh de Ulick O´Conor foi un completo e interesante repaso ao xénero dramático clásico no Xapón, explicando cómo elementos de diversos estilos de teatro, como o Kagura ,foron recollidos polo Noh para converterse no referente do teatro clásico nipón. Acto seguido enumerou os seus elementos característicos:o escenario, a posición dos actores, a decoración, as máscaras e traxes dos actores, así como os temas tratados no teatro Noh, con numerosas anécdotas e curiosidades que rodean esta arte. Finalmente, falou da influencia deste teatro clásico oriental en dramaturgos europeos contemporáneos, especialmente o caso da reconstrución da nación irlandesa no teatro a través dos seus mitos, no que se utilizou o teatro Noh como fonte de inspiración.
A segunda sesión do día consistíu nunha demostración da arte de caligrafía chinesa da man da calígrafa Hsiao-lin Liu, Licenciada en Deseño Comercial pola Universidade de Chun Yu (Taiwan) e Máster de Deseño Gráfico Editorial pola UCM de Madrid. A profesora Hsiao-lin explicou os materiais e as distintas formas de caligrafía mediante a escritura de poemas de grandes autores chineses: a escritura Regular (ordenada, simétrica, lenta e lexible), a escritura Acción ou corrente (a máis habitual, rápida, de trazos regulares máis simplificados e case cursivos) e mais a escritura Cursiva ou Tola (extremadamente veloz, onde os trazos parecen estar unidos entre si con formas sen construción aparente e dunha sorprendente simplificación do trazo). Hsiao-lin Liu está a realizar o doutoramento no departamento de Escultura da Facultade de Belas Artes da Universidade de Barcelona, sobre a relación do tipo de caligrafía chinesa Cursiva co informalismo.