Público asistente no MARCO na última xornada de “Oriente Exprés”

Onte finalizou a viaxe polas culturas chinesa e xaponesa que viñamos realizando mediante o Ciclo Oriente Exprés dende o pasado luns día 20. Rematou no escenario privilexiado do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), que cedeu xenerosamente o seu auditorio para dar acollida ás case 160 persoas interesadas pola proposta da EOI de Vigo e mais da Fundación Carlos Casares.

Verónica Calafell nun momento da súa conferencia “O manga a través da súa historia”
A primeira intervención correu a cargo de Verónica Calafell, licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade Autónoma de Barcelona, máster en Relacións Internacionais pola Universidade de Osaka e especialista na tradución de mangas, coa súa conferencia O manga a través da súa historia. Nela, debullou diversos temas como a definición do termo “manga”; as súas orixes da man de Osamu Tezuka, o seu celebrado creador; as bases do seu éxito e a súa chegada a España. Por alí desfilaron os históricos Heidi, Doraemon, Candy Candy ou Dragon Ball, xunto aos mangas Shôjo (para mozas) ou Seinen (para adultos) máis recentes. Calafell chamou a atención sobre o expectacular crecemento do número de obras de manga en España a partir de 2002, que pasaron de 301 a 747. Xa en 2005 -salientou- o manga xaponés ocupaba o 34% do mercado español de cómic, a cinco puntos só do cómic norteamericano.

Lin Yue na súa conferencia “Os mitos do modelo de desenvolvemento de China”
A segunda conferencia, titulada Os mitos do desenvolvemento de China, veu da man do profesor de Desenvolvemento Social e Económico en China na Universidade Autónoma de Madrid (Centro de Estudos de Asia Oriental), Lin Yue. Nela, o profesor Lin puxo no contexto da actual crise económica a posición estratéxica de China, preguntándose se a economía chinesa sería independente da economía mundial. Buscou a resposta en tres incógnitas a despexar: pode China crecer o 8% en 2009, como pretende o seu goberno?, como evolucionará a importación? e, por último, cal é o futuro de China despois da crise? Un camiño que o profesor Lin foi sementando de datos e argumentos que nos ilustraron a todos sobre a posición real de China na economía global.