Durante estas semanas estanse a suceder distintos actos conmemorativos sobre a figura de Ramón Piñeiro, ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. E non só en diversos espazos físicos, senón tamén na rede.
A modo de exemplo podemos salientar, por unha banda, a inauguración onte, día 14, ás 12.00 horas na sede da Fundación Penzol, na Casa Galega da Cultura de Vigo, un espazo onde se instalou o gabinete do intelectual galeguista. O espazo, de carácter permanente, consta tamén dunha pequena, pero completa exposición introdutoria á súa figura. Hai que felicitar á Fundación Penzol por esta iniciativa, longamente traballada, e a Merlín Comunicación pola finura e o detalle da súa realización.
Por outra banda, Vieiros vén de inaugurar un excelente espazo virtual: o Especial Día das Letras Galegas dedicado á figura de Ramón Piñeiro, onde podemos acceder a entrevistas cos maiores especialistas no intelectual de Láncara, opinións de diferentes personalidades da política e da cultura galegas, así como material audiovisual diverso sobre Ramón Piñeiro. O especial de Vieiros ofrece a posibilidade de consultar o texto do manuscrito orixinal do Preámbulo á Lei de Normalización Lingüística de 1983, redactado por Ramón Piñeiro. O documento, cedido pola Fundación Carlos Casares e os familiares de Ramón Piñeiro, completa un exhaustivo espazo informativo na que se analiza a figura do galeguista homenaxeado dende múltiples puntos de vista.