A primeira conferencia da tarde de onte, dentro do III Ciclo Ciencia e Sociedade dedicado a Darwin, correu a cargo de María Martinón Torres, especialista en Antropoloxía Dental do Centro Nacional de Investigación sobre Evolución Humana (Burgos). A doutora Martinón realizou un repaso ao descubrimento dos restos óseos de Atapuerca explicando detalladamente á riquísima información das descubertas. “O achádego máis sorprendente -subliñou a investigadora- foi ver nun cráneo a presenza dunha cara moderna e unha dentición primitiva”. O Homo Antecessor recén descuberto, desbotaba de xeito contundente a barreira do medio millón de anos que se tiña como inicio dos homínidos en Europa. Elevou o límite, primeiro ata os 800.000 anos e logo máis aló do millón de anos. O estudo da dentición e a súa relación co crecemento do corpo e do cerebro, foi determinante nesta datación. Esta barreira, apenas ergueita, vén de ser novamente batida tras do estudo realizado pola doutora Martinón Torres sobre os 60 dentes do Homo georgicus desenterrado hai pouco en Dmanisi (República de Xeorxia), que indica unha antigüidade de 2 millóns de anos e unhas características que o convirten en precursor do Homo antecessor.
Seguidamente, Jordi Gómez Castilla, do Instituto de Parasitoloxía e Biomedicina “López-Neyra” (CSIC, Granada), falou das teorías sobre a orixe da vida a nivel molecular e de como os científicos veñen presentando diversos estudos para ratificalas. O doutor Gómez Castilla colocou á molécula de RNA como protagonista do fluxo de información xenética nos seres vivos, máis ca o DNA ou as proteínas, xa que o DNA carece de reactividade e as proteínas non posúen información xenética. “O RNA é a única macromolécula que funciona, xa que logo, como xenotipo e como fenotipo á vez, na mesma molécula, -salientou Jordi Gómez- o que lle dá unha fantástica capacidade para mutar rapidamente”. No mundo dos virus RNA, a escasa fidelidade na replicación provoca unha enorme variabilidade de xenotipos, o cal dificulta a loita farmacolóxica contra eles. Non obstante, cando se incentiva a velocidade de replicación, esgótase a capacidade dos virus RNA e destrúense. Neste comportamente subxace a teoría da cuasiespecie, a verdedeira “unidade” sobre a que actúa a selección natural. Nela andan a traballar os científicos españois no camiño de conseguir vacinas efectivas.