A segunda xornada dos VI Diálogos Literarios estivo marcada pola tradicional conferencia pública das 20.00 horas, no Auditorio da Fundación Caixa Galicia da Coruña. Previamente, na sesión da mañá e baixo o lema As historias da vida, os novelistas Antón Riveiro Coello e José Avello abordaron diferentes aspectos da narrativa, dende os seus propios puntos de vista. A presentación dos relatores e a moderación do debate posterior foi feita por Xesús Constela.
Pola tarde, José Saramago recibíu aos medios de comunicación nun dos salóns do Pazo de Mariñán e departíu con eles durante máis dunha hora. TV, radio e prensa escrita (Faro de Vigo, La Voz de Galicia, ABC…) foron testemuña da profunda e amplia visión do Nobel portugués sobre a literatura, a política e, en xeral, dos desafíos que a sociedade enfronta neste século.
A conferencia convocou tal número de persoas no auditorio da Fundación Caixa Galicia, que unha vez completado o aforo (287 prazas), quedaron máis de oitenta persoas fóra. A Fundación Carlos Casares porá, en breve nesta páxina, un arquivo co audio da conferencia á disposición do público.
Tras dunha brillante e emotiva presentación a cargo de Rosa Aneiros, Manuel Rivas falou da “boca da literatura” que el sitúa nese territorio ambiguo da memoria, os soños e a xeografías familiares: o Monte Alto, Elviña, as escaleiras infinitas que o comunican todo, o bafo das vacas devendo néboa, … A continuación, José Saramago abordou as formas da linguaxe e a súa relación coa literatura e a vida mesma. A sinonimia imposible: porque “basta que dúas palabras sonen de forma diferente para que non sexan sinónimos. As palabras teñen peso e dimensión. Ninguna palabra é poética – subliñou o Nobel – o que hai de poética nunha palabra é o que está antes e o que está despois”.